
Un traballo do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense sobre o uso de lavados con peróxido de hidróxeno, en fístulas complexas producidas pola hidradenite supurativa, obtivo o primeiro premio de casos clínicos no IV Congreso de Hidradenite Supurativa celebrado os días 19 e 20 en Madrid.
O caso, presentado polo residente de Dermatoloxía Antón Lobeiras Morado, describe o tratamento dunha paciente con fístulas complexas. María Pousa, dermatóloga do servizo, explica que estas canles baixo a pel poden acumular bacterias e formar un biofilm, ou grupos de bacterias, adheridos ás paredes do túnel, que dificultan a curación.
O equipo empregou os lavados con peróxido de hidróxeno para arrastrar eses acúmulos. Segundo Pousa, a paciente mellorou «de maneira moi significativa» e presentou menos supuración tras o procedemento. Pousa considera o premio «un recoñecemento a nivel nacional» ao labor diario da unidade de hidradenite, e sinala que contribúe a dar visibilidade ao traballo do servizo e a seguir investigando.
O concurso de casos clínicos, organizado polo Grupo Español de Hidradenite Supurativa da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, premiou o traballo coa inscrición, a viaxe e o aloxamento para asistir á reunión anual da Academia Americana de Dermatoloxía, que se celebrará do 19 ao 23 de marzo de 2027 en San Francisco.
Atención especializada e curas de enfermería
A hidradenite supurativa é unha enfermidade inflamatoria crónica da pel, que causa brotes de nódulos e abscesos dolorosos, sobre todo nas axilas e nas inguas. Co tempo, pode deixar cicatrices e formar fístulas. Na consulta de hidradenite, de referencia para a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, o equipo de dermatoloxía combina o tratamento, médico e cirúrxico, co seguimento das lesións e os coidados de enfermería. Nalgúns dos casos máis graves, as persoas atendidas acoden unha ou dúas veces por semana para as curas.
Nunha publicación de 2024, a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria estimou que a hidradenite supurativa afecta ao redor do 1 % da poboación española, o que supón no caso de Ourense unhas 3.000 persoas afectadas en Ourense, 27.000 en toda Galicia, e preto de medio millón en España. Afortunadamente non todos os casos revisten a mesma gravidade, alcanzando este nivel de afectación a entre un 20 e un 30% dos pacientes.
Unidade docente e investigadora
Este non é o primeiro premio para o equipo ourensán, que xa recibiu, en 2023, un recoñecenento ao mellor póster polo seu traballo sobre o uso de fenol para tratar fístulas, precisamente no primeiro congreso especializado da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía en Hidradenite Supurativa.
Outra das liñas de traballo do servizo na abordaxe desta enfermidade crónica é a vía cirúrxica mediante o uso de setóns, unha técnica desenvolvida e mellorada en Ourense polo especialista Fernando Cabo. Un setón é un fío ou cinta cirúrxica flexible, que mantén aberto o traxecto da fístula para facilitar a drenaxe.
O seu uso nestes pacientes e a técnica ourensá está a ser empregada agora noutros hospitais, grazas a rotación sostida, ao longo dos últimos anos, con especialistas doutros centros hospitalarios galegos e do resto do estado, interesados en coñecer e formarse na técnica empregada no Hospital Universitario.
Mostra da efectividade desta técnica, Fernando Cabo e María Pousa realizaron, xunto a profesionais do Hospital General de Granollers e do Hospital de la Santa Creu i Sant Pau de Barcelona, dous traballos, que foron publicados en 2024, no Journal of the American Academy of Dermatology.
Nun deles, os tres centros revisaron a evolución de 34 fístulas, en 27 pacientes, e observaron que, tras a colocación dos setóns, diminuí a dor e a inflamación, e a profundidade media dos traxectos pasou de 6,46 a 3,57 milímetros.