DeportesÚltima horaVídeos

A 18º Carreira Popular do Turrón do Barco será nesta edición máis solidaria que nunca

A Concellería de Deportes presenta a súa programación de Nadal con ata seis actividades diferentes e para todos as idades

 

Dende campamentos, carreiras e torneos ata un labirinto nocturno de orientación. Chea de propostas chega a programación que vén de presentar a Concellería de Deportes do Barco para este Nadal. Entre as propostas figura un evento multitudinario e xa consolidado: a 18º Carreira do Turrón, previsto para o 22 de decembro. Trátase dunha proba de carácter lúdico-deportivo, pero non competitiva e cun carácter benéfico.

A principal novidade desta edición, tal e como destacaba o alcalde do Barco e concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, será que para poder inscribirse será preciso aportar algún alimento non perecedoiro. “Noutras ocasión era voluntario aportar alimentos, pero esta vez será obrigatorio para poder participar, hai que levar algún alimento á recollida do dorsal”, matizaba.

Polo demais a carreira mantén unha liña similar á edicións anteriores con dúas carreiras con outros tantos circuítos diferentes: unha para os nenos que sairá dende a Fonte da Ra (no Malecón) ás 19:30h. e outra para os maiores con saída ás 20h. dende a praza Andrés de Prada.

 

 

A inscrición é gratuíta e abrirase entre o 15 e o 19  de decembro. Pode realizarse de forma presencial no segundo andar do Edificio Multiusos (de 9:15h. a 14h.) ou por correo electrónico en deportes@concellodobarco.org. Esa sería a denominada opción A, con acceso a chocolatada e sorteo de agasallos, e logo estaría a opciónb (dorsal amarelo) que se pode realizar o mesmo día da carreira pero que non dá acceso nin a chocolatada nin ao sorteo.

 

 

Outras citas do Nadal

Ademais a programación deportiva do Barco inclúe outras cinco propostas: o Campamento Lúdico Deportivo “Barco Nadal” (22 de decembro-7 de xaneiro) organizado polo CD Barco, o Torneo de Fútbol Sala de Nadal (da Asociación Deportiva Barval, 26 e 27 de decembro), Torneo Volei 4×4 (Club Voleibol San Martiño O Barco, o 30 de decembro), o Labirinto Nocturno de Orientación (do Club Our-O, o 2 de xaneiro) e o Torneo Familia MVB-Neon (Club Femenino Sil Baloncesto Barco, 3 de xaneiro).

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

Back to top button