Andainas-Trails-OrientaciónDeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A 19ª Andaina de Outono do Barco poñíase en marcha cun agasallo sorpresa

Nesta ocasión os 350 participantes partían dende o pavillón de Calabagueiros para realizar dous percorridos: un de 15 km e outro de 25 km

 

Coa entrega dun agasallo sorpresa aos máis de 350 participantes da 19ª Andaina de Outono do Barco poñíase en marcha esta edición na mañá deste 9 de novembro: unha toalla cunha imaxe dos incendios deste verán en Valdeorras e co lema “Non máis lumes!”. Os andaríns chegaban dende diferentes puntos de Galicia e, de xeito especial da provincia da Coruña,  e, reuníanse no pavillón polideportivo de Calabagueiros, onde recollían o seu dorsal e collían forzas e calor nunha fría mañá con café e doces servidos por membros do Club Peña Trevinca Barco.

 

 

Contra ás nove da mañá tomaban a saída no exterior do pavillón polideportivo de Calabagueiros. Por diante tiñan por diante dúas alternativas en canto a percorrido: un traxecto curto de 15 km (con 413 m de desnivel) e outra longo de 25 km (con 915 m de desnivel). Nel podían comprobar as notables cicatrices da vaga de incendios do pasado verán neste caso no Barco.

 

 

Nesta ocasión, tras facer un percorrido polo Barco, pasando por Viloira e logo volvendo á vila pola pasarela que vai ao casco vello, enfiaban cara Forcadela. Non se subirá ás Penas Marías, senón que se camiñará ao seu redor e a andaina contará con tres avituallamentos: un en Forcadela, outro na zona do Nacedeiro e outro na zona de Pacios. Así mesmo estableceranse controis de regularidade, que é o que se puntúa neste tipo de probas deportivas.

 

 

A meta desta andaina situarase tamén no pavillón de Calabagueiros, onde  haberá trofeos varios e medallas a finalistas e un xantar, novamente cun menú a base de arroz con botillo.

 

 

Esta andaina está organizada polo Club Peña Trevinca Barco e polo Concello do Barco e é unha proba oficial da Federación Galega de Montañismo, que pecha ademais a III Liga Xunta de Galicia de sendeirismo. Tamén forma parte da Liga Ibérica de sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada deste ano 2025.

 

 

 

 

A organización contaba ademais coa colaboración de voluntarios de Protección Civil do Barco e de Petín, así como coa da Cruz Vermella e da Policía Local do Barco.

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

 

 

Back to top button