OurenseÚltima hora

A 31ª MITEU celebrarase do 23 de abril ao 8 de maio e contará con 20 espectáculos e 233 artistas

 

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acollía a presentación oficial da 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), un evento que durante máis de tres décadas posicionou á cidade e á provincia no mapa cultural internacional. No acto participaron César Fernández, vicepresidente da Deputación; Sandra Quintas, directora territorial da Xunta de Galicia; Fernando Dacosta, director da MITEU; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo e o presidente do Liceo, José Luis Troitiña, así como a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Durante a súa intervención, César Fernández cualificou esta 31ª edición como a da “madurez”, subliñando que para a institución provincial o apoio á MITEU vai máis alá do patrocinio: “Dende a Deputación entendemos que as institucións deben estar á altura para facilitar un dereito fundamental: o acceso á cultura”. Fernández destacou a importancia da cooperación entre entidades para unir esforzos e facer posible un cartel tan ambicioso.

 

 

O director da mostra, Fernando Dacosta, amosouse emocionado polo fito de acadar as 31 edicións, agradecendo especificamente o apoio da Deputación e do Liceo por ceder os espazos.

A MITEU 2026 arrancará o vindeiro 23 de abril coa Mostra Interactiva de Danzas do Mundo e concluirá o 8 de maio coa clausura a cargo de Maricastaña, o grupo de teatro da Aula de Ourense. A organización confirmou a participación de grupos de Palestina, Perú e Portugal, cun programa que inclúe 20 espectáculos de teatro e danza; 233 participantes entre actores, directores e técnicos; e actividades paralelas.

 

 

233 participantes chegarán a Ourense para participar en 20 espectáculos: Palestina (con Teatro del Barrio), Perú (Anaqueronte), Portugal (Teatr’Ubi), Galiza (Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo, Santiago, Coruña), diversas comunidades de España (Navarra, Andalucía, Castela León, Madrid); un novo apartado: Elas contan, este ano con Marta Doviro e Paula Carballeira Cabana ‘La Líquida’, con Ellas de oro; danza; concerto de Iberican Roots; Curso Laboratorio de creación por Anaqueronte (Perú) no Campus de Ourense da Universidade de Vigo; masterclass con Javier R. de La Varga (León) no  Campus de Ourense; coloquios nalgunhas fucións; encontros coa prensa; promocións na rúa,…

O punto de encontro da Mostra será no Café Cultural Auriense e as obras na rúa, no Teatro Principal de Ourense e no Liceo de Ourense.

“Diante do horror que sentimos cada día presentamos unha nova edición da MITEU”, din dende aorganización,  asegurando que é “difícil atopar sentido ao que facemos cando vivimos o que semella un sen sentido”. O teatro “parte da vida, e polo tanto non é, non pode ser indiferente ao que acontece cada día”, din, de aí que as obras que se presentan nesta edición reflictan e den forma poética, “unha vez máis, ao que nos emociona, ao que forma parte da nosa existencia”, porque “a emoción, o sentido, a reflexión, a razón, tamén o goce, deben ser referencia nos nosos actos para seguir considerándonos humanos, humanas”, explican, concluíndo que, con eventos deste tipo procuran “un lugar para a esperanza, para sentir que outro mundo é posible”.

Back to top button