
A AC Entroido As Bonitas de Sande, Concello de Cartelle participará no Festival Nacional Máscaras Danzantes que se celebra cada ano en Veracruz, México. Unha viaxe internacional na que participarán 16 persoas durante oito días, que, neste ano 2026, se suma á viaxe realizada a Bulgaria en xaneiro, onde foron a única representación nacional de entroidos e mascaradas no considerado a “champion” das mascaradas: o Festival de Surva, declarado no 2015 Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Esta viaxe a México é todo un fito para esta pequena parroquia de Sande, Cartelle, “facendo que Galicia sexa a representación nacional ao outro lado do Atlántico nun país, México, co que a nosa comunidade mantén fortes lazos de unión que se forxaron en tempos de emigración e que se manteñen hoxe en día”, din dende a asociación.
Durante esta viaxe a presenza das Bonitas de Sande, o Oso e a Vaca en México non se limitará só a participación nun desfile, senón que, a través da súa presencia en Medios de Comunicación e recepción de autoridades, tamén levará consigo toda a cultura galega en xeral.
Programación
O Festival está adicado a preservar e celebrar as tradición dancísticas con máscaras dos pobos orixinarios. Este encontro reúne a máis de 1.800 danzantes, 350 músicos, 45 agrupacións tradicionais, 60 cartoneiros de México, 150 artesáns nacionais e máis de 80 mestres artesáns mascareiros de todo o país.
Este encontro cultural espera máis de 300 mil visitantes nacionais e internacionais ao longo de tres días (80 millóns de “views”, alcance dixital) que poderán desfrutar dun sincretismo único: percorridos polas rúas con grupos de danzantes, espectáculos artísticos, conferencias, mostras gastronómicas, o Encontro de Cartoneros de México e unha impactante oferta turística na rexión da alta montaña veracruzana.
Tras a chegada a México, o domingo día 8 de novembro, durante a semana están programadas varias intervención en medios de comunicación, conferencias de prensa, presentación do noso Entroido, recepción da Gobernadora do Estado… ata o agardado momento do gran desfile de danzas que se levará a cabo en tres xornadas; 13, 14 e 15 de novembro.