En portadaÚltima horaVídeos

A Adega Joaquín Rebolledo estrea sala de catas na súa cova das Pinguelas (A Rúa)

Este proxecto contaba con axudas Netx Generation dedicadas pola Xunta a enoturismo e ao acto asistía o director de Turismo de Galicia, entre outras autoridades

 

A Adega Joaquín Rebolledo, da Rúa, inicia unha nova andaina e faino no eido do enoturismo. Esta mañá inaugura a súa nova sala de catas nunha antiga cova, que ata agora so usaban para a crianza dos seus viños. Este novo espazo está enmarcado nas Pinguelas, entre antigas covas, é unha zona “que é unha xoia, porque a nivel arquitectónico úsanse elementos da zona, os cantos rodados dos ríos, o castiñeiro, a lousa e que se enmarca dentro da tradición de facer viño en Valdeorras”, dicía o responsable da adega, José Ramón Rodríguez, lembrando ademais que hoxe “a tendencia na elaboración de viños é cada vez volver ao esencial, ao principio e isto é un paso máis dentro da Adega Joaquín Rebolledo para volver e iso, ao esencial á sinxeleza”.

Neste acto, Rodríguez Castellanos estaba acompañado por diversas autoridades como o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o tenente de alcalde da Rúa, José Vicente Solarat; o presidente do CRDO Valdeorras e Ruta do Viño desta denominación, Marcos Prada; ou o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesareo G. Pardal.

 

 

O representante desta adega tamén matizaba que a intervención para crear esta sala de catas realizábase coas axudas dos fondos europeos, “que a Xunta tivo a ben dedicar a enoturismo”. E resaltaba que foi unha actuación “delicada, con moito cariño e con moito mimo”.

 

 

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia referíase á “importante aposta por desenvolver o enoturismo e penso que esta actuación nesta adega constitúe un exemplo, por unha banda, do bo uso dos Fondos Next Generation e, por outra, de ver con perspectiva o desenvolvemento do enoturismo”. Neste senso, Merelles afirmaba que, “en breve, vai ser máis rendible levar a cabo accións de enoturismo con visitantes que están dispostos a pagar por experiencias que, ás veces, vender viño directamente. Este é un complemento ideal para as economías das adegas, e da restauración e dende a Axencia de Turismo de Galicia, a través dos fondos Next Generation dedicamos unha liña especial ao enoturismo, por unha banda, a través dos PSTDs, que en Valdeorras existe un que é o da Ruta da Viño Milenaria; pero tamén a través de axudas directas a adegas e establecementos turísticos para que se introduzan no enoturismo como fonte importante para atraer visitantes ao territorio e tamén como unha fonte complementaria de ingresos”.

 

Neste senso, concretaba que desa liña para que as adegas e os restaurantes ofrezan experiencias para que poidan atraer visitantes, destináronse 5 millóns euros, dos que 1,7 millón invístense na provincia de Ourense, e en Valdeorras uns 400.000 euros. “Ademais temos en marcha unhas liñas para mobilidade sostible que son 4 millóns de euros”, engacía Merelles.

 

 

 

Así mesmo, o director de Turismo de Galicia incidía no potencial do enoturismo para unha provincia como Ourense, con catro das denominacións de orixe de viños da comunidade e tamén para Valdeorras. “Podémonos situar entre os territorios máis importantes para a práctica do enoturismo en Galicia”. E referíase ao valor patrimonial das covas e tamén agradecía a iniciativa da Adega Joaquín Rebolledo, “por ilusionarse por novos proxectos e poñelos en marcha”, considerando que se trata dun dos, “embaixadores do enoturismo e como receptores de visitantes”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Back to top button