En portadaÚltima horaVídeos

A Adega O Cepado de Rubiá ofrece o primeiro mosto desta colleita a Santa Rita e ao Nazareno, no Barco

O simbólico acto tiña lugar na igrexa de Santa Rita tralo pisado de uvas, na misa das 12:30 horas deste domingo 7 de setembro

 

Un ano máis, en plena novena do Cristo cuxa data se conmemorará o vindeiro 14 de setembro, e en plena vendima nunha comarca bendecida polo viño de calidade, a parroquia barquense presidida por Jesús Álvarez rendía a súa particular homenaxe ao sector na mañá deste domingo 7 de setembro, na igrexa de Santa Rita, antes da misa das 12:30 horas coa pisada de uvas e a ofrenda do primeiro mosto da colleita 2025 da Adega O Cepado de Rubiá, á Santa e tamén ao Nazareno.

No altar da igrexa e diante de todos os fegreses, o acto comezaba cos monaguillos Alejandro e Estefanía portando os medallóns da Confraría do Nazareno, pisando as uvas na tina instalada para a ocasión da que saía o mosto que o propio sacerdote recollía nunha xarra que entregaba a Diego Fernández, o responsable da Adega O Cepado de Rubiá, encargada este ano da ofrenda.

 

 

Primeiro á imaxe do Nazareno e despois á de Santa Rita Diego realizaba o simbólico acto de pisada de uvas e  ofrenda do primeiro mosto da colleita 2025, explicando que o da vendima, que xa comezou en moitas viñas de Valdeorras “é un traballo duro, ás veces en condicións climatolóxicas complicadas ás que estamos acostumados tras vivilo dende pequenos nas nosas casas”.

O Cepado de Rubiá é unha empresa familiar “que loita por buscar un oco no mundo do viño”, con constancia, perseverancia e orgullo do seu traballo que quere mellorar con cada añada. “O segredo está en facer un produto rico e competitivo nos mercados para o cal encomendámonos a Santa Rita e ao Nazareno, pero tamén a Santa Mariña e á nosa querida Virxe do Camiño de Rubiá”, dixo Daniel, desexándolles a todos unha boa colleita, unha boa comercialización dos viños e un resultado que lles permita seguir crecendo en mercados nacionais e internacionais, e tamén unhas “felices Festas do Cristo”, a todos.

 

 

Como agasallo, antes de marchar para seguir coa vendima, o párroco entregáballe o seu propio medallón da Confraría de Jesús Nazareno para, de seguido, dar comezo á santa misa.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button