
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense mantiña reunión institucional co alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, na que se abordaban posibles liñas de colaboración para achegar os programas e servizos da entidade á veciñanza.
No encontro participaron a xerente provincial da Asociación, Judit Vega, e a profesional da entidade, Kelly Pereira, que deron a coñecer o labor que desenvolve esta asociación en materia de prevención, atención ás persoas con cancro e ás súas familias, así como o papel fundamental do voluntariado no ámbito local.
Durante a reunión, o rexedor mostrou a súa disposición a favorecer iniciativas conxuntas orientadas á sensibilización, información e acompañamento da poboación, destacando a importancia de achegar estes recursos aos concellos do rural.
Charla informativa e creación dun grupo de voluntariado
Tras o encontro institucional, celebrouse unha charla aberta á cidadanía sobre os programas, servizos e oportunidades de voluntariado da Asociación, á que asistiu unha veintena de persoas. A sesión permitiu explicar de maneira próxima e participativa as diferentes áreas de actuación, así como resolver dúbidas sobre como colaborar como persoa voluntaria no municipio.
Como resultado deste encontro, creouse un grupo inicial de persoas voluntarias en Viana do Bolo, que contribuirá a impulsar accións de prevención, información e apoio no ámbito local, en coordinación coa Asociación Española Contra o Cancro en Ourense.
Desde a entidade, a xerente provincial, Judit Vega, subliñou que “reforzar a presenza da asociación nos concellos rurais é clave para garantir a igualdade no acceso á prevención, á información e ao acompañamento fronte ao cancro”, e agradeceu a boa disposición do Concello de Viana do Bolo e da súa veciñanza.
“Co apoio institucional e o compromiso do novo grupo de voluntariado, a Asociación continúa avanzando no seu obxectivo de estar cada vez máis preto das persoas, vivan onde vivan”, din dende a AECC en Ourense.