
A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense continúa reforzando a súa presenza no rural da provincia. A xerente provincial, Judit Vega, e a profesional, Kelly Pereira, mantiveron onte un encontro de traballo co alcalde de A Gudiña, Néstor Ogando, no que se abordaron novas vías de colaboración para achegar prevención, información e apoio ás persoas do municipio.
Durante a reunión, o alcalde expresou o seu interese en promover accións continuadas da entidade no concello e agradeceu o labor que a entidade desenvolve en toda a provincia. Tanto o rexedor como as representantes coincidiron na necesidade de impulsar actividades que acheguen recursos e acompañamento á poboación do rural, onde o acceso á información e á prevención é fundamental.
Creación dun novo grupo de voluntariado en A Gudiña
En paralelo ao encontro institucional, celebrouse unha charla formativa dirixida ás novas persoas voluntarias de A Gudiña, unha sesión moi participativa que permitiu constituír un grupo inicial de 11 voluntarias comprometidas coa promoción da saúde e o apoio á cidadanía local.
Este novo equipo contará cunha sesión formativa específica a vindeira semana, co obxectivo de prepararse para as primeiras accións presenciais no municipio.

Primeiras accións: campaña de prevención do cancro colorrectal
Entre as primeiras actividades previstas, destaca a posta en marcha dunha mesa informativa no marco da campaña de cribado de cancro colorrectal. A mesa situarase na contorna do Concello de A Gudiña, punto de maior tránsito segundo indicación do propio alcalde. Ademais, dispoñerase dunha sala multiusos próxima para garantir o desenvolvemento da actividade en caso de mal tempo.
Ese mesmo día está previsto impartir unha charla dirixida especialmente á poboación masculina, centrada en información sobre cancro colorrectal e cancro de próstata, cun enfoque de prevención temperá e participación no cribado.
Compromiso coa prevención no rural
Para a Asociación, fortalecer a presenza nos concellos rurais é unha prioridade estratéxica: “A proximidade e o acceso á información son claves para reducir a incidencia e mortalidade por cancro. A Gudiña demostra o seu compromiso coa saúde da súa veciñanza”, sinalou a xerente, Judit Vega.
Co apoio do Concello e o impulso do novo grupo de voluntariado, a entidade continúa avanzando no obxectivo de garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso a prevención, acompañamento e recursos fronte ao cancro.
