CulturaCulturaÚltima hora

A Agrupación Artística Rosalía de Castro de Madrid, que preside a valdeorresa Jovita Fernández, cumpre cen anos

 

A Agrupación Artística Rosalía de Castro de Madrid, vinculada ao Centro Galego de Madrid e que preside a vilamartinesa María Jovita Fernández, celebraba na pasada fin de semana os actos do seu centenario. No decurso da celebración que contaba coa asistencia do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entre outras autoridades, desenvolvéronse diversas actuacións, tanto galegas como asturianas e castelá-manchegas, xa que asistiron como invitados o Centro Asturiano e a Casa de Castela-A Mancha en Madrid.

Miranda trasladoulles o orgullo da Xunta de Galicia pola labor desta agrupación ao longo destes 100 anos, “converténdose nun referente da cultura galega en Madrid pero tamén nunha asociación esencial da vida da capital do Estado”. Ao longo do acto, no que tamén intervino a presidenta da agrupación, María Jovita Fernández Rodríguez.

Fundada o 2 de marzo de 1923, a Agrupación Artística Galega Rosalía de Castro, é a Agrupación folclórica máis antiga de Madrid, integrada só por afeccionados. O seu primeiro mestre director foi Reveriano Soutullo, outros soados mestres directores: Germán Lago, Rafael Gayoso, Eduardo Dorado, Segundo Bretón, Victoriano Echevarría, José Ibáñez, Daniel Bravo, José Pagán, Germán Dafauce, Luís Izquierdo, Miguel Groba, Rogelio Indalecio Groba, José Carracedo.

 

María Jovita Fernández, co secretario xeral de Emigración.

 

As súas actuacións cóntanse por centos, non só na península senón tamén fóra dela. Da súa participación en certames pode destacarse a Medalla de Ouro no Festival Iberoamericano de Cáceres en 1961. Gravatas de Honra dos Festivais de Música e Danza de Madrid, Centros Galegos de Laussanne (Suíza), Buenos Aires, etc.

Celsa Cainzos foi, durante máis de corenta anos, a directora artística do Grupo de Danza, sendo o seu labor continuado na actualidade por Ana María Cendón (directora artística) e Fernando Paredes como mestre de baile. A Banda está dirixida por Miguel Ramalleira e mestre de percusión Isaac Eceiza, mestra do grupo de cantareiras Claudina Menor. O coro na actualidade está a ser dirixido por Julio González Cao.

A Agrupación na actualidade é unha escola que promove o ensino e interpretación do folclore galego máis tradicional, cun repertorio que contén: fandangos, xotas, pandeiradas e unha ampla variación de muñeiras. Amenizadas pola batería cos seus pasacarrúas e o grupo de cantareiras.

Artigos relacionados

Back to top button