
Seis días despois de que o lume do incendio de Seadur-Larouco saltase ao municipio da Rúa e ante a latente preocupación por parte da veciñanza polo fume que segue saíndo do vertedoiro ubicado preto da N-120, a alcaldesa María G. Albert manifesta publicamente o “total abandono e indefensión no que nos sentimos despois de seis días, dende o venres 15 de agosto pouco antes das dúas e media cando o lume saltou o río Sil ata o termo municipal ata hoxe, xoves 21 de agosto, cun lume activo no concello, no vertedoiro de residuos non perigosos de titularidade municipal e que acolle os residuos da empresa Autoneum e que segue ardendo de forma descontrolada dende ese momento”.
Así o aseguraba en rolda de prensa, onde, visiblemente esgotada e superada polos acontecementos, explicaba a situación na que se atopa neste momento o concello. “A fronte do lume alcanzounos ese mesmo venres moi rápido sobre todo na zona de Roblido, no vertedoiro de Autoneum, no polígono industrial e na zona máis oriental do concello e xa na xornada do sábado afectounos a interface brutal”, conta destacando que dentro de toda a desgraza tan grande que estamos a vivir “temos que felicitarnos porque non houbera ningún dano persoal na Rúa, con poucas edificacións afectadas aínda que algunhas moi graves” como é o caso dunha vivenda en San Xulián con danos importantísimos e dúas naves, unha delas Autoneum, “pero a ese nivel e con todo o que pudo pasar, saimos ben parados no que ten a ver con danos persoais e materiais”.



A rexedora asegura que entenden “a enormidade deste incendio con alomenos 40 núcleos ameazados polo lume no momento máis crítico e esa era a prioridade (núcleos, persoas) pero isto foi o domingo e incluso o luns pero agora todos se están a pasar a pelota dun departamento a outro e ninguén fai nada”, denuncia, asegurando que “somos un concello de pouco máis de 4.000 habitantes e un orzamento moi limitado sen recursos para apagar un lume que se está autoconsumindo despois de seis días e moito nos tememos que iso será o que o pase, que non se vai resolver ata que se consuma por si mesmo”. Os únicos que segundo Albert apareceron por alí na xornada do martes foron dous equipos da UME con sendos bwldozer e “moi boa intención pero ao chegar alí e ver o panorama manifestáronse totalmente incapaces de afrontar esa enormidade con ese material”. Estamos a falar dun vertedoiro dunha extensión dunhas 1,5 hectáreas cunhas características especiais cun único residuo téxtil con compoñentes químicos (moquetas antitérmicas e antiacústicas) que se empregan en vehículos co cal están pensados para non arder pero sin combustionar, “de aí que non estemos a ver chamas pero si a combustión sen que ninguén pareza ter intención de facer nada”, di.
E iso que a iniciativa propia, porque oficialmente dende o CECOP ninguén se puxo en contacto co Concello “puxemos en coñecemento da situación, falando sobre todo co subdelegado do Goberno que foi quen máis atendeu as nosas chamadas. Por parte da Xunta a única persoa coa que mantivemos comunicación constante con moi boa disposición pola súa parte é a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, porque falamos con todos os departamentos e pásanse a pelota duns a outros. Tamén dende o Distrito XIII colaboraron moito con nós no que ten a ver co incendio na vila”.

En definitiva o concello da Rúa ten un lume activo, controlado, pero que está ardendo e polo tanto afecta á calidade do aire e a maior parte das partículas dos lumes, que en condicións normais xa se tiñan que ter dispersado, aquí seguen.
A este respecto, a rexedora explica que o luns desprazouse unha unidade de medición da calidade do aire, a iniciativa municipal, que está a medir dende o 18 de agosto de forma constante todos niveis que se dan nun incendio convencional e tamén as partículas volátiles que poidan haber derivadas do residuo do vertedoiro e “o primeiro que nos din é que non atopan partículas extra diferentes das de outros concellos, desa moqueta, así e todo por suposto non é bo respirar este aire”.

De feito as partículas que “nos dicen hoxe que dan mal son as PM10 (partículas en suspensión maiores a 10 micragramos) pola que se lanza unha alerta por “mala calidade do aire” dos cinco niveis que hai (boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima) ao levar tres días consecutivos superando o nivel máximo permitido que é 50. O dato de onte era de 57 e vai baixando progresivamente. En azufre da 1,16% que é moito menos da combustión do propio monte e en Nitróxeno 0,25% tamén menor. Tampouco detectaron partículas organoléxenas (as derivadas da moqueta) pero con mala calidade do aire e un incendio activo dende hai seis días”, conclúe.
Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella e cedidas.
Vídeos: Mónica G. Bellver.