
A alcaldesa de Viana do Bolo, Graciela Diéguez Rodríguez, vén de anunciar que se desprazarase mañá a Ourense para manter unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.
“O encontro servirá para analizar diferentes cuestións de interese para o municipio e trasladar ás dúas administracións as principais necesidades que presenta actualmente Viana do Bolo”, segundo adiantan dende o Concello.
Así, un dos asuntos centrais da reunión será a situación das aldeas afectadas polas recentes riadas e polos arrastres das zonas queimadas, especialmente A Bouza, Pradocaballos, Pixeiros e O Castro. O Concello considera necesario “seguir avanzando na recuperación destas localidades e dar unha resposta ás necesidades dos/as veciños/as que sufriron as consecuencias deste episodio”
Para o Goberno municipal, a “atención ás persoas afectadas e a recuperación das zonas danadas constitúen unha prioridade”, polo que a alcaldesa trasladará directamente ao presidente da Deputación e ao delegado da Xunta as necesidades detectadas e “a importancia de impulsar, coa maior brevidade posible, as actuacións necesarias”.
Desde o Concello de Viana do Bolo confíase en que esta reunión permita “poñer en común as diferentes necesidades, establecer vías de colaboración e avanzar en solucións efectivas para os problemas que afectan ás persoas e localidades damnificadas”.
O goberno municipal adianta que “continuará traballando e realizando as xestións necesarias ante as diferentes administracións para conseguir que as actuacións que sexan precisas se leven a cabo o antes posible e coa máxima coordinación entre todas as partes implicadas”.