EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

“A altitude e a situación entre os ríos Bibei e Xares dálle ao Bolo unha personalidade única para o cultivo da castaña e a vide”

Agricultores, comercializadores, técnicos e autoridades compartiron nunha xornada, reflexións sobre os desafíos e oportunidades de dous sectores clave para a economía comarcal

 

Na tarde do xoves 18 de xuño o centro coworking do Bolo acollía a I Xornada da Vide e da Castaña das Terras do Bolo, un encontro que reuniu a produtores, comercializadores e representantes das administracións públicas para analizar a situación actual e abordar os retos e oportunidades de futuro destes dous sectores estratéxicos para a economía e o desenvolvemento do territorio.

Ao longo da xornada, dividida en dúas partes cunha pausa para degustar un viño, os participantes compartiron experiencias e reflexións sobre a evolución da viticultura e da produción de castaña na comarca, incidindo na necesidade de impulsar medidas que contribúan á súa valorización, profesionalización e sustentabilidade. O foro serviu tamén para fomentar o diálogo e a colaboración entre os distintos axentes implicados, co obxectivo de reforzar a competitividade e garantir o futuro destas actividades tradicionais con gran relevancia social, económica e ambiental nas Terras do Bolo.

 

 

“A altitude do noso territorio e a situación privilexiada entre os ríos Bibei e Xares dálle ao Bolo unha personalidade única para o cultivo da castaña e a vide”, apuntaba o alcalde do municipio, durante a presentación do evento. Pola súa banda, Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), destracou a importancia do sector agroalimentario na comarca valdeorresa, tanto do viño como da castaña, como elemento distintivo e singular de posta en valor do territorio.

Durante a súa intervención, destacou que o sector vitivinícola representa un exemplo de como un produto vinculado ás variedades autóctonas, ao territorio e ao coñecemento das persoas pode converterse nun motor de desenvolvemento, xerador de emprego e creador de identidade comarcal. Neste sentido, sinalou que a castaña “comparte moitos dos elementos que explican o éxito do viño: autenticidade, diferenciación e unha forte vinculación coa paisaxe e coa cultura local. Por iso, incidiu no potencial que aínda ten por diante para seguir gañando peso económico e contribuír á dinamización do rural”. Martín Alemparte lembrou que a aposta da Xunta “pasa por poñer en valor aqueles produtos que fan única a Galicia, reforzando a calidade diferenciada e as producións ligadas á orixe, ás variedades autóctonas e ao territorio”.

 

 

A primeira parte da xornada relativa a vide contou coa participación de Pablo Blanco, director técnico e enólogo da Bodega Rafael Palacios, quen impartiu a relatorio titulada “As posibilidades da viticultura no concello do Bolo”, na que analizou o potencial vitivinícola do territorio e as oportunidades de desenvolvemento do sector. Posteriormente, Blanco participou nunha mesa redonda xunto ao enxeñeiro técnico agrícola e viticultor Daniel Vizcaya López, un espazo de debate no que ambos expertos intercambiaron reflexións sobre os retos actuais da viticultura, as perspectivas de futuro e as claves para impulsar a súa competitividade e sustentabilidade.

A segunda parte, quenda dedicada ao sector da castaña, abríase coa intervención de Manuel López Vilariño, secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, quen ofreceu a relatorio “A situación do sector da castaña”. Durante a súa exposición, abordou a realidade actual desta actividade estratéxica, así como os principais desafíos e oportunidades que afronta de cara ao futuro.

 

 

A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron, ademais de López Vilariño, o produtor Francisco Álvarez Carballo e o almacenista Jacobo Álvarez García. O debate permitiu analizar a potencialidade da castaña como recurso económico e elemento dinamizador do territorio, afondando nas oportunidades de crecemento do sector na comarca, así como nos retos relacionados coa súa xestión, comercialización e valorización.

A celebración desta primeira edición consolídase como un punto de partida para a creación dun foro de reflexión e intercambio de coñecemento arredor de dous dos principais recursos produtivos do territorio. Dende a organización destacaron a “elevada participación e o interese xerado pola iniciativa, reafirmando o compromiso de seguir promovendo accións que contribúan á dinamización económica, á fixación de poboación e á posta en valor do patrimonio agrícola e forestal das Terras do Bolo”.

 

 

Para o deseño e desenvolvemento deste proxecto contouse co apoio e coa financiación do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico), no marco das subvencións concedidas a proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación, de aí a presenza do subdelegado do Goberno en Ourense Eladio Santos, quen destacou a importancia estratéxica do sector agroalimentario na provincia e, en particular, nas Terras do Bolo, poñendo en valor “o traballo conxunto de produtores, administracións e axentes económicos para impulsar a súa modernización, competitividade e sustentabilidade”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button