Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

A Andaina Solidaria “Manzaneda Terra da Castaña”, marcada pola chuvia e a néboa

 

Pese a que o tempo non acompañaba na mañá deste domingo 10, non faltaba a resposta solidaria e, retando á chuvia, poñíase en marcha a andaina benéfica “Manzaneda Terra da Castaña, Ribeira da Montaña”. Así, durante a mañá facíase un circuíto pola vila medieval e ata o Monumento Natural Souto de Rozavales e ata o castiñeiro milenario de Pumbariños, con regreso polo núcleo tradicional de Rozavales, a casa dos Arias e o Pazo da Pena, restaurado como casa de turismo rural.

Ao mediodía e antes de xantar, os camiñantes chegaban ata o Curro Chaira das Lamas e ao bambán de Manzaneda no Alto da Escrita. Porén, a mesta néboa que impedía desfrutar das vistas panorámicas do fermoso Macizo Central.

 

 

Xa pola tarde, o paseo continuaba cara ás viñas de Seoane e divisábanse os vales do Bibei e a Ladeira da Mata, que certifican que Manzaneda é o sétimo concello produtor da D.O Ribeira Sacra polo número de hectáreas plantadas.

“Recalcamos o agradecemento da aportación solidaria visitantes que se achegaron dende puntos coma Santiago de Compostela; así como a achega de persoas inscritas que ante o mal tempo decidiron non realizar a ruta; así como aquelas outras, sobre todo veciñanza de Manzaneda, que aportaran economicamente para o apoio ás víctimas da DANA pero que non ían realizar a ruta. Prometemos poder repetir a ruta en mellores condicións metereolóxicas para todas as persoas inscritas que polo mal tempo decidiron non realizar a ruta”, sinalan do Concello de Manzaneda.

Fotos cedidas.

 

Back to top button