Dende a portiña superior do sequeiro, ían saíndo en sacos as castañas, que xa levaban un tempo nesta construción tradicional secándose ao calor do lume e co fume para estar preparadas para a XI Festa da Pisa da Castaña de Purdeus-Chandrexa (Parada de Sil), que cobraba vida na maña deste 16 de novembro.
A partir de aí, estes sacos repartíanse entre catro persoas que, arredor dun gran tallo e, á vez, comezaban a golpealos con forza ata conseguir que a primeira casca deste froito de outono se solte. Unha vez realizada a pisa, viña a segunda parte deste labor: o abandoxado, para quitarlle a segunda pel á castaña.
Despois, estes froitos, xa limpos, íanse depositando en grandes cestos de madeira para ser degustados polo numeroso público asistente nesta edición. O ritual da pisa, no que tamén participaban os nenos, ía repetíndose con diferentes participantes ao longo da mañá mentres soaba a música tradicional e os veciños agasallaba aos presentes cun delicioso consomé ben quentiño.
“O importante é que este que ano a festa estivo moi animada, tivemos moitos nenos que están colléndolle a graza a esta tradición, e iso é bo, porque nos permitirá mantela. Aquí contamos con maiores que a están transmitindo con moita ilusión e xente nova con moita gana de aprender e de seguir con esta tradición milenaria”, destaca o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.

De forma paralela á pisa, os visitantes podían percorrer o Mercado Tradicional de Produtos, con diversos postos de produtos gastronómicos como queixos, doces ou viños de dúas adegas da D.O. Ribeira Sacra, Adega Vella e Adega Caneiro, entre outros expositores. “Todos imos collidos da man, se medramos e poñemos en valor a tradición da pisa, tamén é bo poñer en valor diversos produtos gastronómicos son tradicionais e artesáns”.
E, xa arredor das 14h., dábase paso ao xantar popular, coa asistencia dunhas 200 persoas. Servíase no interior dunha carpa situada entre castiñeiros milenarios e nel podía desfrutarse dun delicioso menú (cun prezo de 15 euros) a base de cocido completo, lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, acompañados de bica, viño mencía/godello da D.O. Ribeira Sacra, auga, café e chupitos.
Esta XI Festa da Pisa da Castaña forma parte do completo programa de actividades de outono que promove o Concello de Parada de Sil.
Fotos e vídeos: O SIL.