SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria de ourense aborda o coidado integral das ostomías cunha visión integrada no paciente

A xornada reúne hoxe no Centro Cultural Marcos Valcarcel a profesionais de enfermería para afondar no manexo e coidados do paciente con ostomía desde unha perspectiva transversal

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras aborda hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel o coidado integral das ostomías e da incontinencia nunha xornada formativa dirixida a profesionais de enfermaría, que pon o foco nunha atención centrada no paciente, continuada no tempo e coordinada entre distintos niveis e servizos asistenciais.

Baixo o título Avanzando no coidado integral de ostomías e incontinencia, a actividade reúne profesionais e de enfermería da Unidade de Coloproctoloxía, do Servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo; Uroloxía, Otorrinolaringoloxía; Psicoloxía Clínica; Dietética e Nutrición; e Radioloxía Intervencionista do Hospital Universitario de Ourense, con experiencia en consultas e coidados específicos vinculados ás ostomías, á incontinencia e ás traqueostomías.

Organizado pola Unidade de Formación da Área o curso foi promovido desde a Unidade de Ostomías e pola enfermeira estomaterapeuta María Socorro Riveiro García, como resposta a necesidade de afondar na formación dos profesionais de enfermería dos distintos servizos e niveis asistenciais, co obxectivo de mellorar a atención ás persoas portadoras dun estoma, abordando as súas necesidades desde unha perspectiva clínica, funcional, psicolóxica e nutricional, sen definir límites por servizos ou centros.

7.000 persoas cunha ostomía

En Galicia viven ao redor de 7.000 persoas cunha ostomía e, cada ano, súmanse preto de 1.200 novos casos, o que reforza a importancia de actualizar e afondar na formación dos profesionais, cara unha atención máis efectiva, humana e adaptada ás necesidades dos pacientes.

A persoa ostomizada precisa unha atención especial desde o momento en que aparece a posibilidade de portar un estoma, xa que esta circunstancia ten un importante impacto na esfera física, mental, social e familiar. Require adaptación, seguimento e acompañamento. Ese coidado implica a participación de profesionais de distintos ámbitos, tanto nas consultas hospitalarias como nas unidades de hospitalización, urxencias, centros de saúde, puntos de atención continuada e recursos sociosanitarios.

 

 

Participación de distintos servizos hospitalarios

O programa da mañá inclúe relatorios sobre ostomías dixestivas de eliminación e sobre avaliación, diagnóstico e abordaxe práctica da incontinencia fecal, a cargo de Inés Aldrey Cao e Sandra Núñez Fernández, especialistas da Unidade de coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense. A continuación, Olga Ventura Couto, residente do Servizo de Uroloxía, abordará as derivacións urinarias, a súa clasificación e técnicas cirúrxicas, así como a avaliación, diagnóstico e abordaxe práctica da incontinencia urinaria.

A sesión continuará con Mohamad Al Rifai Al Masri, especialista do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Universitario, que falará da anatomía funcional da larinxe e da farinxe e o impacto do estoma no seu funcionamento. O programa incorpora tamén unha perspectiva centrada no acompañamento emocional, coa intervención psicóloga clínica Nuria Seijas Fernández, sobre o impacto psicolóxico do cambio corporal e as claves de acompañamento.

Esta perspectiva integral complétase co relatorio de Óscar Santiago Domínguez Fernández, enfermeiro supervisor do Servizo de Dietética e Nutrición, dedicado á alimentación e hidratación nas persoas portadoras de ostomías e ao abordaxe dietético en situacións de diarrea, estrinximento e produción de gases.

Obradoiros prácticos e continuidade dos coidados

Pola tarde, a xornada continúa co taller “enfoque práctico para o coidado: desafíos e solucións, con obradoiros nos que os asistentes rotan por distintos espazos formativos. Neles participan María Socorro Riveiro García, enfermeira estomaterapeuta; María Teresa Alonso Vázquez, enfermeira da Consulta de cirurxía colo-rectal e estomaterapia; Leticia Cruz González, enfermeira da Consulta de Uroloxía do Hospital Universitario de Ourense; e María Nieves García Varela, enfermeira do Servizo de Radioloxía Intervencionista.

Nestes obradoiros abórdaranse os estomas de eliminación, dixestivos e urolóxicos, os tipos de dispositivos, os coidados básicos da pel e do estoma, as complicacións máis frecuentes e a súa abordaxe, así como o manexo enfermeiro da incontinencia urinaria e fecal. A parte práctica complétarase cun taller sobre traqueostomías, no que participan Ana Consuelo Montero Montero, María Ángeles Novo Gómez e María Sonia Gómez Sotelo, enfermeiras da Consulta e do Servizo de Otorrinolaringoloxía.

 

Back to top button