SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria de Ourense amplía a súa colaboración coa Axencia Española de Cooperación en Mozambique

Un equipo de especialistas de neurocirurxía e anestesia do Hospital Universitario de Ourense dirixido por Ana Pastor impartíu tamén esta semana en Maputo un curso de atención ao paciente traumatizado (ATLS)

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras amplía a súa colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) cunha nova misión formativa en Mozambique por parte do especialista do Servizo de Traumatoloxía, Juan Blanco, que impartíu un curso no Hospital de Maputo e participou no XIX Congreso desta especialidade no país.

Esta nova iniciativa reforza á participación de especialistas do Hospital Universitario de Ourense nos programas de formación de profesionais sanitarios, impulsados pola cooperación española, dependente do Ministerio de Sanidade e desenvolvido por medio da Fundación CSAI, co apoio da Xerencia da Área e do Servizo Galego de Saúde.

O intercambio con Mozambique, como antes en Níxer e Malí, iniciouse coa participación da xefa do Servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor, e estase a ampliar nos últimos anos coa incorporación de profesionais doutros servizos e a acollida de profesionais de Mozambique, que realizan estancias de formación de seis meses no Hospital Universitario de Ourense, como anteriormente con persoas sanitario de Níxer tamén no Hospital Público de Verín.

 

 

Curso de cirurxía de ombro e xeonllo

Neste marco, Juan Blanco Nóvoa, especialista do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Universitario de Ourense, impartiu, os pasados días 14 e 15 no Hospital Central de Maputo, un curso de cirurxía de ombro, precisamente un tema especialmente demandado polos profesionais mozambiqueños.

O programa abordou as lesións do manguito rotador —o conxunto de músculos e tendóns que estabiliza o ombreiro—, a inestabilidade articular, as fracturas proximais do úmero, a colocación de próteses, as complicacións e os avances recentes nesta cirurxía. A formación combinou relatorios, discusión de casos clínicos e actividades prácticas.

Tras a súa estancia en Maputo, o profesional ourensán desprazouse a Bilene, no norte do país, onde participou no XIX Congreso da Asociación Mozambicana de Ortopedia e Traumatoloxía, con dous relatorios sobre as diferentes técnicas cirúrxicas para tratar as lesións do ligamento cruzado anterior, e sobre os límites das osteotomías de xeonllo, destinadas a corrixir o aliñamento desta articulación.

«Para un médico é moi importante desenvolver o seu traballo, pero tamén transmitir coñecemento ás xeracións que veñen detrás e comprobar que esa formación consegue resultados», sinala Juan Blanco desde Bilene, destacando a preparación e a capacidade de adaptación dos equipos locais: «É moi gratificante vir aquí, comprobar o interese por aprender e a acollida que brindan aos profesionais que colaboramos».

O congreso incluíu un acto de agradecemento á cooperación do o Hospital Universitario de Ourense co sistema público de saúde de Mozambique, no que tamén participaron os sete profesionais de traumatoloxía que pasaron en diferentes periodos por Ourense. Unha mención honorífica que se suma á recibida pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras pola AECID pola súa colaboración continuada nestes programas.

 

 

Cooperación en ambas direccións

A cooperación co sistema público de saúde de Mozambique e co seu Hospital Central de Maputo iniciouse en 2023, coa chegada a Ourense dos primeiros residentes mozambiqueños. As rotacións, cunha duración de seis meses, permítenlles integrarse nas consultas, quirófanos, áreas diagnósticas, sesións clínicas e atención urxente dos distintos servizos.

Desde entón, o Hospital Universitario de Ourense acolleu xa a sete especialistas de traumatoloxía e unha residente de anestesioloxía e reanimación. No primeiro caso, a formación incluíu técnicas como a artroscopia —un procedemento cirúrxico minimamente invasivo para explorar e tratar as articulacións—, a abordaxe do trauma complexo e a colocación de próteses articulares.

Pola súa parte a residente de anestesioloxía completou un itinerario centrado no tratamento da dor e nas técnicas anestésicas empregadas en intervencións de cirurxía pediátrica e neurocirurxía. Ao voltar ao país, estes profesionais poden incorporar os coñecementos adquiridos á súa actividade asistencial e participar na formación doutros especialistas.

O programa facilita así o intercambio en ambas direccións: profesionais mozambiqueños completan a súa preparación nos hospitais públicos da Área Sanitaria e especialistas de Ourense desprázanse a Mozambique para impartir cursos adaptados ás necesidades dos equipos locais.

 

 

Instrutoras de Ourense en Maputo

Das relacións establecidas durante estes intercambios e derivado de estadías previas no país xurdiu a actual labor dun equipo do Hospital Universitario de Ourense integrado por Ana Pastor, xefa do Servizo de Neurocirurxía, xunto a Concepción Alonso e Leticia Gómez, especialistas do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación.

As tres impartiron esta semana en Maputo un curso de Soporte Vital Avanzado no Trauma, coñecido polas súas siglas en inglés ATLS, promovido en España pola Asociación Española de Cirurxáns segundo o modelo do American College of Surgeons. Esta formación proporciona unha metodoloxía sistemática para establecer prioridades e actuar con rapidez na atención inicial ao paciente politraumatizado, especialmente durante a primeira hora.

Ao curso asistíu precisamente unha das residentes de anestesia que se formou no Hospital Universitario de Ourense, exemplo da continuidade das relacións profesionais creadas a través do programa.

Back to top button