O persoal da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras dispoñen xa do primeiro Manual de Boas Prácticas na Atención en Saúde a Persoas do Colectivo Trans desenvolvido nun centro sanitario público, unha ferramenta destinada a facilitar unha atención sanitaria inclusiva, respectuosa e libre de discriminación, adaptada á diversidade.
A iniciativa naceu da demanda de información e consello, por parte de profesionais sanitarios do Hospital Universitario de Ourense, que solicitaron pautas prácticas para abordar a atención ás persoas trans en consultas ou ingresos, e garantir unha resposta axeitada aos pacientes, aportando contexto e seguridade aos profesionais.
O manual afonda na necesidade de adaptar a atención ao paciente ao paradigma da diversidade, e pretende servir de apoio, tanto ao persoal sanitario como non sanitario, favorecendo a comprensión e creación de contornas máis seguras, acolledoras e respectuosas coa identidade, proceso de transición ou expresión de xénero de cada persoa.

Un traballo en equipo colaborativo
A elaboración do documento foi posible grazas á colaboración entre profesionais da Área Sanitaria con usuarios, usuarias e usuaries, asociacións e colaboradores de colectivos de defensa dos dereitos e na atención ás persoas trans. Entre os participantes figuran representantes de Apoio Positivo Ourense, Euforia Familias Trans Aliadas, e profesionais da Área Sanitaria dos servizos de endocrinoloxía, humanización, calidade, formación e traballo social, así como persoas expertas en diversidade, sexoloxía e dereito.
O documento é o resultado dun intenso proceso do equipo de traballo de máis de dous anos, que se iniciou en 2023, e contou co apoio da Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Servizo Galego de Saúde que, no marco da súa estratexia de humanización e de aplicación da normativa e prol da igualdade, traballa na extensión deste tipo de iniciativas ao conxunto da rede sanitaria pública.
O grupo de traballo estivo formado por Iciar Solache, endocrinóloga do Hospital Universitario de Ourense; Pablo Barrio, psicólogo e coordinador de Apoyo Positivo Ourense; Lucía González, educadora social e sexóloga; Miguel Vieito, avogado especialista en Dereito á Saúde e Loita contra a Discriminación; Éric Rodríguez, formador en diversidade; María José Rodríguez, de Euforia Familias Trans Aliadas; Roberto Rodríguez; Enzo Sarmiento, e da Área Sanitaria de Ourense, Celsa Perdiz, traballadora social do Centro de Orientación Familiar; Esther Pérez, supervisora de Unidade de Formación, Miriam Vázquez, da Unidade de Calidade e Belén Piñeiro, de Atención ao Paciente e Humanización.

Recomendacións para unha atención respectuosa
O manual recolle conceptos básicos, relacionados coa diversidade sexual e de xénero, recomendacións de comunicación, aspectos vinculados á privacidade, e pautas para a prevención de situacións de discriminación, de xeito que unha práctica axeitada non dependa só da boa vontade de cada profesional.
Como ferramenta de consulta rápida, o manual incorpora un decálogo, que resume as principais recomendacións para a atención cotiá das persoas trans, como respectar o nome e os pronomes elixidos por cada persoa; deixar constancia en IANUS cando a identidade comunicada non coincida coa recollida na historia clínica; extremar a discreción en espazos públicos; preguntar con respecto ante a dúbida; validar a identidade e o proceso da persoa; evitar preguntas innecesarias sobre a súa corporalidade; crear espazos seguros; derivar a psicoloxía ou psiquiatría só cando exista unha demanda expresa de apoio en saúde mental; respectar os ritmos e as decisións de cada persoa e reforzar a confidencialidade e a protección dos seus datos persoais.
Ademais destes puntos, o documento tamén incide na importancia de traballar en equipo, para manter unha comunicación respectuosa coa diversidade, recollendo a necesidade de afondar na formación continuada dos profesionais nesta materia de diversidade.
O manual súmase aos mecanismos de coordinación interna, para asegurar que a atención ás persoas se desenvolva conforme aos principios de non discriminación, autonomía, respecto á intimidade. Nestes enmárcase o novo protocolo interno da Consellería de Sanidade para defender ao persoal fronte ao acoso sexual, por razón de sexo, de orientación, identidade, expresión de xénero e características sexuais, así como de discriminación ás persoas LGBTIQA+, e que tamén está dispoñible na intranet institucional.
Formación para os profesionais
Para dar difusión ao novo manual, desde a Área Sanitaria está previsto organizar sesións formativas dirixidas aos profesionais. Na primeira, de presentación, participaron parte dos integrantes do equipo redactor e colaboradores, ante un auditorio multiprofesional dos diferentes centros de Ourense; especialistas das áreas médicas e cirúrxicas, de enfermería, primaria, traballadores sociais, psicólogos e alumnado en formación no ámbito das ciencias da saúde.
Abordáronse cuestións relacionadas coa realidade das persoas trans, a atención sanitaria desde unha perspectiva de dereitos, a comunicación respectuosa e os aspectos legais vinculados á non discriminación, co obxectivo de ofrecer aos profesionais ferramentas prácticas para mellorar a experiencia asistencial. Nesta liña, o propio manual conta con anexos recollendo o marco legal e normativa aplicable; outros documentos e protocolos existentes a nivel nacional; ademáis de recursos sociais, on line, e de atención á diversidade noutros ámbitos.


