
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reforza este ano a súa aposta pola formación sanitaria especializada, cunha oferta de 68 prazas de residentes en vinteseis especialidades facultativas (MIR e FIR) catro de enfermería (EIR) e psicoloxía clínica (PIR).
A sanidade pública de Ourense conta para este obxectivo con vintedúas unidades docentes, incluídas tres de carácter autonómico: Medicina Preventiva e Saúde Laboral; Medicina do Traballo e a nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias.
Ademais, catro delas son multiprofesionais, ao agrupar varias especialidades, como a Familiar e Comunitaria, cunha oferta de 26 prazas: Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria, con 21 e 5 respectivamente. Saúde Mental, centraliza pola súa parte a docencia de tres profesións, ofertando nove prazas: tres de Psiquiatría (MIR), tres de Psicoloxía Clínica (PIR) e tres de Enfermaría especialista en Saúde Mental (EIR).
As outras dous unidades multiprofesionais son as de de Obstetricia e Xinecoloxía con tres prazas, unha de MIR e dúas de matrona. Pola súa parte Pediatría oferta este curso cinco prazas, tres de MIR e dous de EIR.
Unha das ofertas máis amplas
Ademais da oferta das unidades multiprofesionais, Anestesioloxía e Reanimación convoca tres prazas; dúas Medicina Interna e Radiodiagnóstico, respectivamente; e unha por especialidade de Análises Clínicos; Aparello Dixestivo; Anxioloxía e Cirurxía Vascular; Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo; Dermatoloxía; Farmacia Hospitalaria; Hematoloxía e Hemoterapia; Medicina Intensiva, Medicina Preventiva e Saúde Pública; Medicina do Traballo; Medicina de Urxencias e Emerxencias; Microbioloxía e Parasitoloxía; Nefroloxía; Neumoloxía; Oftalmoloxía; Oncoloxía Médica; Otorrinolaringoloxía; e Uroloxía.
Xornadas informativas e datos útiles para futuros residentes
Con antelación a elección de prazas, prevista para abril-maio, a Comisión de Docencia da Área Sanitaria está a promover a súa oferta docente, dun xeito personalizado, organizando visitas, á medida, en función das especialidades que máis lle interesen aos candidatos, da man dos propios titores e actuais residentes, para transmitirlles a realidade diaria desta importante etapa.
As visitas teñen por obxectivo dar a coñecer o Hospital Universitario de Ourense, espazo no que coincidirán os residentes de todas as especialidades, pero sobre todo o modelo docente e as vantaxes de formarse como especialista na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, cunha interacción máis persoal na que consultar calquera aspecto relacionado coa carreira, o traballo e perspectivas laborais na área sanitaria, ou incluso a vida en Ourense.
Para fixar unha data da visita ou procurar información poden contactar coa Comisión de Docencia Hospitalaria, nos teléfonos 988 369 822 ou 988 369 757, ou vía correo electrónico (docencia.ourense@sergas.es); coa Unidade Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, no teléfono 988 066 776 (unidadedocente.ourense@sergas.es) ou, no caso dos EIR, directamente coa Subcomisión de Especialidades de Enfermería, en calquera destes correos ou por teléfono no 639 082 456.

Tradición docente e excelencia sanitaria
A Área Sanitaria de Ourense leva máis de medio século formando especialistas, sendo unidade docente desde o inicio dos sistema MIR en España, de xeito coordinado coas facultades que imparten ciencias da saúde.
O seu modelo docente presenta a vantaxe do seguemento persoalizado dos residentes, sempre en grupos reducidos, o que favorece a aprendizaxe práctica e a integración nos equipos asistenciais. Ademais, como no conxunto do Servizo Galego de Saúde, Ourense ten a vantaxe de dispoñer dun desenvolvento tecnolóxico e innovador punteiro a nivel nacional.
Todo sumado a aspectos tan relevantes como a dixitalización da historia clínica; o desenvolvemento e dispoñibilidade de aplicacións que fomentan a accesibilidade do paciente como o SergasMobil, e-Saúde, tarxeta sanitaria electrónica, receita electrónica, Telea e un amplisimo desenvolvemento das tecnoloxías da información, que facilitan o acceso dos investigadores a minería de datos, e a súa aplicación a investigación, etc.