SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ourensá completará en abril a ampliación do horario dos PAC aos sábados pola mañá

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, onde está situado o PAC de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de emitir unha nota de prensa na que se informa de que a ampliación do horario dos PAC en Ourense a toda a fin de semana –ademais dos festivos-   adaptase á xornada de 35 horas semanais, acordada coas organizacións sindicais, e sobre todo ao compromiso dos profesionais de Atención Primaria da provincia que, de xeito voluntario, veñen asumindo a cobertura destes dispositivos de urxencias con plena normalidade en doce dos catorce PACs con que conta a provincia.

As melloras retributivas e laborais implantadas pola Xunta de Galicia, incluindo o o novo acordo de voluntariedade incentivada para a realización de gardas, permiten corresponder a este compromiso, grazas aos acordos que contemplan incrementos progresivos nos importes da xornada complementaria”, segundo a xerencia da área.

O PAC de Ourense, o de maior volume asistencial dos catorce existentes na provincia,  con máis de 55.000 atencións anuais, “leva aplicando este modelo con éxito desde hai case seis anos, con normalidade e sen incidencias, polo a experiencia foise estendendo progresivamente ao resto de dispositivos”, indica a área sanitaria.

 Este mes de abril, esta medida organizativa implantarase nos PACs de Verín e Valdeorras, “o que  beneficiará ao conxunto da poboación destes distritos sanitarios, estendendo así o horario de atención de urxencias a toda a fin de semana para todos os usuarios dos centros de saúde adscritos a estes dispositivos, ademais das cabeceiras de comarca. En concreto Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín e no caso do de Verín, a todo o Servizo de Atención Primaria: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oimbra, Riós e Vilardevós”.

 A provincia de Ourense dispón da maior rede de PACs e dispositivos urxentes de Galicia, catorce PAC, situados nos concellos de Allariz, Bande, O Barco, Carballiño, C astro Caldelas, Celanova, Coles, Maceda, Ourense, Trives, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, ademais de dúas Zonas Especiais de Garda, A Mezquita-Gudiña e A Veiga-O Bolo.

A implantación deste novo sistema, acompañarase dunha ampliación progresiva do persoal nos PAC de toda Galicia, no marco da planificación prevista pola consellería de Sanidade, que recolle a creación de novas prazas específicas para os PAC”, segundo a área sanitaria ourensá. “Igualmente, o acordo de melloras retributivas e de xornada, acadado na Mesa Sectorial de Sanidade,  beneficia ao persoal dos Puntos de Atención Continuada, incrementando nun 2,5 %, con efectos retroactivos desde o ano 2025, a contía do complemento de produtividade por cumprimento de obxectivos, ademais de  aumentar xa desde este ano,  as retribucións a nivel orzamentario, e tamén da xornada complementaria do persoal de enfermería”.

 

Back to top button