A directora Escola Universitaria de Enfermería, María Milagros Fernández xunto á directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Josefa Rodríguez, daban a benvida hoxe, no Hospital Universitario de Ourense, aos cincuenta e sete estudantes que iniciarán o primeiro curso da que será a promoción 2025-2029 de enfermería.
Os estudantes desenvolverán a súa formación combinando as aulas da Escola, situada no edificio Santa María Nai, coas instalacións do Campus de Ourense. A súa capacitación práctica desenvolverase nos servizos clínicos do Hospital Universitario de Ourense e nos diferentes Centros de Saúde docentes da provincia. Todo elo enmarcado nun plan de estudos cunha alta carga de créditos prácticos, cada vez máis esixente no ámbito académico.
Pese a incorporación gradual dunha maior porcentaxe de varóns a presenza feminina continúa a ser amplamente maioritaria, con 7 homes fronte a un total de 50 mulleres nesta promoción. Por procedencia a práctica totalidade das novas alumnas proceden da Comunidade Autónoma salvo cinco alumnas de Cáceres e Ciudad Real
Alta esixencia académica
Este curso a Escola acada a súa nota de corte máis alta, con 11.387 puntos, que a sitúa como a segunda máis alta de ciencias da saúde da Universidade de Vigo e a cuarta das oito escolas existentes na actualidade en Galicia, por riba de Lugo ou Pontevedra, e só superada polas de Santiago, A Coruña e Vigo, cunha poboación universitaria moi superior.
Ademais da esixencia no académico, a filosofía dos estudos de enfermería pasan pola formación en calidade e no coidado da humanización da asistencia. Como destacou a súa directora, Mª Milagros Fernández, “enfermaría unha titulación profundamente ligada ao coidado das persoas.” E subliñou que a profesión non só se constrúe sobre o saber científico, senón tamén sobre a capacidade de escoitar, comprender e acompañar.
Fernández instoulles a “manter sempre unha actitude aberta, crítica e disposta a crecer” onde o coñecemento é esencial. Ainda que remarcou que a profesión vai máis alá do saber científico, esencial e á vez cambiante, polo que defendeu a necesidade de manter unha actitude crítica e aberta.
Pola súa parte a directora de enfermería, Josefa Rodríguez, deulles a benvida a Área Sanitaria de Ourense lembrándolles que que entrar no mundo da enfermería significa moito máis ca adquirir coñecementos científicos xa que a profesión fundamentase en valores esenciais “a ciencia e os coñecementos ofrecen unha base firme para exercer como enfermeiras, pero será a vosa humanidade a que dea verdadeiro sentido á vosa labor”.