A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras celebrou esta mañá o acto de clausura do curso de formación postgrao e de despedida dos trinta e dous novos facultativos especialistas, que rematan este mes a súa formación vía MIR (médico interno residente), PIR (psicoloxía clínica) ou FIR (farmacia hospitalaria) nas súas unidades docentes, nun acto que reuníu aos novos especialistas, con titores, responsables docentes, xefes de servizo e equipo directivo.
Esta promoción, que remata o día 28 deste mes, está integrada por trinta e dous novos especialistas: vinte das diferentes unidades docentes hospitalarias e doce de medicina familiar e comunitaria. En concreto catro especialistas en Anestesioloxía e Reanimación; tres en Pediatría e Áreas Específicas; dous en Psiquiatría e Radiodiagnóstico; e un especialista respectivamente en Aparello Dixestivo, Farmacia Hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Nefroloxía, Neuroloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía e Psicoloxía Clínica.
A estes profesionais sumaranse ademais no mes de xullo os residentes que conclúen a súa formación nas especialidades de cinco anos de duración: Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Oncoloxía Médica e Medicina Interna. Con anterioridade a eles tamén remataron a súa formación especializada de enfermería, vía EIR, 17 profesionais dos que 12 permanecen vinculados laboralmente á Área de Ourense.

Continuidade profesional e cobertura de vacantes
Sempre no marco do pacto de contratacións e de respecto aos chamamentos, desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras xa se contactou con todos os residentes que rematan a súa formación, para trasladarlles a súa oferta de continuidade.
As contratacións non se poden facer efectivas ata o mes de xuño -unha vez rematen e se anoten na lista de contratacións- e promoverase o modelo máis ventaxoso posible, ofertando contratos de interinidade, ou indefinido, naqueles servizos que dispoñan de vacantes, ou de continuidade, ou longa duración, respectando os procedementos regulamentarios establecidos polo servizo Galego de Saúde, para a cobertura de prazas no sistema público.
O programa do acto incluíu a conferencia “Como ser mellores médicos; humanidade e humanismo en Medicina”, impartida por Ángel María Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e unha das figuras científicas máis recoñecidas da investigación biomédica española e internacional.

No acto, que clausurou o xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas, interviron tamén Leticia Álvarez Teruelo, en representación dos residentes; Jesús García Mata, presidente da Comisión de Docencia Hospitalaria; e Luís Antonio González Rodríguez, xefe de Estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria.
Ademais da entrega de cerficacións de especialista, premios e bolsas, como recordo da súa etapa formativa, os novos especialistas recibiron tamén un pin de prata, deseñado expresamente polo escultor Manuel Buciños, e que xa é un símbolo dos profesionais da sanidade pública de Ourense.
