
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a Fundación Xaime Quesada Blanco veñen de renovar o convenio de colaboración -que permite expoñer no Hospital Universitario de Ourense a obra de Xaime Quesada Porto e Xaime Quesada Blanco- do que en 2027 cúmprense dez anos, aniversario que se conmemorará cunha programación que inclúe novas iniciativas conxuntas, para reforzar o papel humanizador da arte nos espazo sanitario público.
A renovación do convenio foi asinado polo xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas, e a presidenta da Fundación, María Jesús Blanco Piñeiro, que estivo acompañada pola xerente desta entidade, Paula Serrano.
A colección está composta por vintedúas obras de Xaime Quesada Porto e tres do seu fillo, Xaime Quesada Blanco. A súa cesión é gratuíta e as obras son xa unha sinal de identidade do novo edificio de hospitalización, identificando os diferentes andares e servizos onde están presentes desde a súa inauguración en 2017. Os cadros dos artistas ourensáns son parte da imaxe da actividade cotía do hospital, achegándo a arte a pacientes, familiares, profesionais e visitantes.
Integración da colección na comunidade
A renovación do convenio permitirá continuar ademais con algunha das iniciativas postas en marcha tras a pandemia, como as visitas guiadas á colección para estudantes, asociacións e colectivos de pacientes. Estas actividades dan a coñecer as obras e a traxectoria dos artistas e serven tamén como nexo entre a cidadanía e o seu hospital público.
A presidenta da Fundación Quessada, María Jesús Blanco, exerceu de guía de excepción nestas visitas, e valora moi positivamente a experiencia, na que participaron este ano alumnos e alumnas do CEIP Amadeo Barroso, voluntarias do espazo +60 de Afundación e pacientes do Hospital de Día de Saúde Mental.
Nos encontros, Chus Blanco aporta o seu fondo coñecemendo da obra de ambos, compartindo detalles sobre o seu proceso creativo, a súa traxectoria profesional e o significado das obras expostas; das distintas etapas da extensa carreira do seu marido, Xaime Quessada e da breve e intensa do seu fillo, cuxa morte motivou a creación da Fundación, que agora mantén vivo o legado dos dous artistas.
A obra de Quessada pai, referente da plástica galega contemporánea, con gran proxección nacional e internacional, caracterízase pola súa versatilidade estilística, transitando entre o figurativismo, o expresionismo e a abstracción. Pola súa banda, Quesada Blanco desenvolveu unha liña creativa propia, que dialoga coa tradición artística familiar desde unha perspectiva máis conceptual.
Un proxecto para a infancia e a adolescencia
De cara ao aniversario, a Área Sanitaria e a Fundación proxectan ampliar esta programación e desenvolver novas propostas, co obxectivo de favorecer unha relación máis próxima cos espazos sanitarios, ofrecendo actividades culturais adaptadas aos diferentes colectivos, nas que tamén participa a Unidade de Formación da Área.
Como principal proxecto e novidade para a conmemoración, neste curso 2026-27, a Fundación traballa xa, nunha iniciativa destinada á infancia e, de maneira moi especial, á adolescencia, na que colaborará a Escola de Pediatría do Hospital Universitario.
O proxecto prestará especial atención á adolescencia, tendo en conta o incremento dos problemas de saúde mental deste colectivo desde a pandemia, e a importancia no desenvolvemento desta etapa, servíndose da expresión artística como vehículo para facilitar a comunicación de pensamentos e emocións que, en ocasións, resultan difíciles de transmitir, ademais de ofrecer un espazo de participación e relación.
Paula Serrano destaca o entendemento mantido entre ambas institucións neste novo proxecto e ilusión por poñelo en marcha. Para elo, a entidade elaborou material didáctico específico, que permitirá achegar a creación artística ás persoas máis novas.
Un pintor ligado á historia de Ourense e do hospital
Durante a visita, Santiago Camba acompañou a Chus Blanco polas actuais dependencias da dirección da Área Sanitaria, situadas no Santa María Nai, no espazo que anteriormente ocupaba a Unidade de Psiquiatría de Agudos, onde se conserva un mural de grandes dimensións doado por Xaime Quessada.
A súa viuva agardáballe alí unha sorpresa, coa reprodución das obras expostas no hospital, onde tamén se situou unha placa de agradecemento e homenaxe á fundación pola súa colaboración coa sanidade pública de Ourense.