SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá, no proxecto “Coido a miña diabetes” para fomentar a calidade de vida destes pacientes

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras participa no proxecto europeo “Coido a miña diabetes”, que está a desenvolver o Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, co obxectivo de dotar aos pacientes con Diabetes Mellitus tipo 2 das ferramentas e habilidades necesarias para mellorar a súa calidade de vida.

Galicia forma parte do consorcio español que participa neste proxecto europeo, xunto co Principado de Asturias, Cantabria, Estremadura, Andalucía e Aragón, no programa de actividades do “Care 4 Diabetes”, considerado como “unha boa práctica en saúde” por parte da Comisión Europea. O principal obxectivo deste proxecto, cuxa orixe está nos Países Baixos, é mellorar e fomentar tanto a saúde como a calidade de vida dos pacientes con diabetes mellitus tipo 2 (DM2), diminuíndo con elo os factores de risco da enfermidade.

A nutricionista do Centro de Saúde de O Carballiño, Nuria Callejo, é a representante da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras neste proxecto europeo e salienta que “este programa aborda a diabetes dunha maneira integral, ao poñer o foco nos catro piares básicos que inciden na enfermidade: nutrición, actividade física, descanso e relaxación, e o control da medicación relacionada coa diabetes”. O estudo que comezou hai dous anos está a acadar bos resultados xa que os pacientes “melloraron a súa calidade de vida, reduciron a súa medicación e o perfil das súas glucemias, colesterol ou perfiles lipídicos tamén melloraron significativamente”.

Deste xeito, a nutricionista Nuria Callejo, forma parte dun equipo multidisciplinar do Servizo galego de saúde integrado por persoal médico, de enfermería, nutricionistas, terapeutas e expertos en actividade física que están a desenvolver diferentes actividades e sesións formativas co ánimo de impulsar condutas saudables entre os 17 pacientes seleccionados que participan no programa.

O seguimento clínico non presencial faise mediante a Plataforma de teleasistencia do Sergas (TELEA), a través da que se envían constantemente a súa Historia clínica electrónica, as biomedidas e tamén se cubren os cuestionarios de saúde.

O proxecto “Care 4 Diabetes” ten a súa orixe nos Países Baixos, baixo o nome “ReverseDiabetes2Now”, unha iniciativa que foi desenvolta pola ONG nérlandesa Voeding Leeft, e que foi seleccionada como boa práctica pola Unión Europea (UE).

Tras a súa selección, o proxecto pasa a chamarse Care4Diabetes, “Coido dá miña diabetes” en Galicia, e será replicado por 12 países europeos (Bélxica, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Grecia, Hungría, Italia, Malta, Polonia e Portugal).

O programa introdúcese dentro do marco da Comisión Europea para transferir e reproducir as mellores prácticas en materia de Saúde Pública entre os seus países membro. Neste sentido, fai falta destacar que Galicia tamén exportará ao resto de Europa os seus avances e coñecemento sanitario, tras a selección da Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA), como modelo a exportar a outros países, dada a súa calidade para levar a cabo o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios.

Artigos relacionados

Back to top button