
O Hospital Universitario de Ourense continúa reforzando o seu compromiso coa cooperación sanitaria internacional coa acollida de dous novos residentes de traumatoloxía procedentes de Mozambique, no marco do programa impulsado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e xestionado pola Fundación CSAI do Ministerio de Sanidade.
Este programa de cooperación internacional ten como principal obxectivo fortalecer as especialidades médicas e sanitarias en países socios da cooperación española, permitindo que residentes en traumatoloxía, anestesioloxía ou xinecoloxía completen parte da súa formación en hospitais españois.
Os dous novos residentes son Manuel Monteiro e Leonel Joao da Silva que toman o relevo doutros dous compatriotas, Quenesio Chipa e Afonso Guiticua, que tamén rematan hoxe a súa etapa formativa no Hospital Universitario de Ourense.
O presidente da Comisión de Docencia da Área de Ourense, Verín e Valdeorras, Jesús García Mata, resalta que este programa comezou xa no ano 2017 no Hospital Universitario de Ourense e cualifica a experiencia como “un motivo de satisfacción”, ao considerar que a presenza destes residentes supón contribuír á formación de profesionais que exercen en países con grandes necesidades asistenciais, polo que a súa formación permitirá mellorar a atención sanitaria do seus países de orixe.”
Segundo a doutora Marta Méndez, Xefa de Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Hospital Universitario de Ourense “recibir a dous novos residentes supón unha motivación para todos nós pero, ao mesmo tempo, dános un pouco de tristeza xa que tamén despedimos a outros dos compañeiros que compartiron o día a día do noso servizo deixando unha fonda pegada”. A doutora Méndez salienta que durante este período de tempo os residentes “afondarán na abordaxe do trauma complexo, coñecerán as últimas novidades no manexo cirúrxico das técnicas artroscópicas e da complexidade na colocación das diferentes próteses que requiren as articulacións danadas”.
Desde o punto de vista dos propios participantes, o residente recentemente chegado, Manuel Monteiro ,valora moi positivamente a súas primeiras impresións da experiencia en Ourense, destacando “a oportunidade de coñecer novas técnicas e mellorar a nosa capacitación profesional”. O novo residente salienta que en Mozambique “a incidencia da patoloxía traumatolóxica é moi elevada debido aos múltiples accidentes de tráfico, aos que se suma nos últimos anos un importante incremento dos sinistros en motocicleta, o que obriga a atender diariamente un elevado número de pacientes politraumatizados, a maioría deles de idade nova”.

Programa de Cooperación Internacional en Ourense
A participación no programa ten un carácter bidireccional, xa que tamén profesionais españois participan en misións formativas en Mozambique, Níxer e máis recentemente Mali. Este é o caso da xefa do Servizo de Neurocirurxia Ana Pastor Zapata, con anos de recoñecida experiencia na formación especializada de atención ao paciente politraumatizado, formación que tamén imparte a nivel europeo e internacional, neste marco de cooperación promovido pola AECID.
A doutora Ana Pastor salienta que “con esta nova estadía formativa, o Hospital Universitario de Ourense reafirma o seu compromiso coa cooperación internacional e coa formación de especialistas que contribuirán á mellora da asistencia sanitaria nos seus países de orixe”.
A principios deste ano representantes da Fundación CSAI do Ministerio de Sanidade, que xestiona este programa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) mantiveron unha reunión, no Hospital Universitario de Ourense, con representantes da dirección e os xefes dos servizos receptores de residentes estranxeiros, Traumatoloxía, Neurocirurxía, Anestesia e Reanimación e o presidente da comisión de docencia, as súas experiencias e afondaron no desenvolvemento do programa en Ourense que xa ten nove anos de vixencia cun notable éxito tanto para os residentes como para os profesionais e titores do servizos implicados.
