
Xunto ao pregoeiro e o programa en si, o cartel é un dos aspectos destacados das Festas do Cristo do Barco, e no que o Concello pon especial esmero. O das festas deste ano aínda non foi presentado pero si se coñece á súa autora.
É, tal como avanzaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación da programación, a artista barquense Marisú Miranda, que fixo “un cartel precioso, que recolle os elementos vivos da festa, porque así son as festas do Cristo, moi vivas e vividas”.
Ademais, como veñen facendo dende hai anos, Marisú exporá parte da súa obra baixo o título “Xentes de Valdeorras” que parte da iniciativa que a propia artista desenvolvía o pasado verán en varias xornadas en diferentes espazos públicos e comerciais do concello do Barco, nas que fotografó, entrevistou e finalmente debuxou a persoas da vila que se prestaron a elo. “O bonito disto é que esas persoas que participaron no proxecto artístico, poderán levar para casa o seu retrato unha vez se desmonte a exposición”, dixo a concelleira, destacando que algo diferente e orixinal.
Vídeo: Mónica G. Bellver.
