Marisú Miranda, deseñadora de moda e artista natural do Barco, actualmente residente en Estados Unidos onde está a desenvolver a súa carreira profesional, volve á súa terra cunha orixinal proposta.
Trátase de ‘Xentes de Valdeorras’, unha iniciativa artística que comprende varias xornadas en diferentes espazos públicos e comerciais do concello do Barco, nas que Marisú fotografará, entrevistará e debuxará a persoas que dean o seu consentimento, para o cal “búscanse voluntarios/as”.

Quen desexe participar neste proxecto expositivo pode pasar polos espazos do Barco nos que estará neste mes de decembro:
– Mércores día 10: Cafetería Veirasil, de 18 a 20 horas
– Venres día 12: Miranda Moda, de 17 a 18 horas
– Sábado e domingo, días 13 e 14: Teatro Lauro Olmo, de 18:30 a 20:30 horas
– Luns día 15: 3° andar do Edificio Multiusos de 11 a 13 horas
Con todo o material que realice nas xornadas cos voluntarios, no último cuatrimestre de 2026 farase unha exposición e, cando esta remate, as persoas que participaron na experiencia, poderán levar o orixinal do seu debuxo realizado pola artista recoñecida internacionalmente.