CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A artista ruesa Mela actuará no festival ‘Sons Urbanos’ que se celebrará o 7 de agosto na Rúa

 

O confinamento ao que obrigaba a pandemia de 2020 supuxo todo un reto sanitario para a poboación mundial pero tamén un foco de oportunidades, servindo de inspiración a moita xente que aproveitaba para desenvolver proxectos, especialmente no ámbito artístico, apostando por afeccións ata ese momento dormidas.

É o caso de Mela, nome artístico de Carmela Fernández Menéndez, unha moza ruesa que aproveitou o parón obrigado para centrarse nunha das súas paixóns, a música. Asegura que sempre lle gustou cantar, é unha desas afeccións que se desenvolven xa de nenos, pero nunca se plantexara facer nada, máis alá de acompañar a algún amigo, ata que durante a corentena sacáballe partido a un programa de produción musical que se descargara, intentando aprender un pouco. “Despois fun a clases co produtor das Tanxugueiras en Santiago e ao marchar para Tarragona, collino como afección”, conta Mela dende terras catalanas onde reside actualmente, asegurando que quería poñerse máis en serio pero entre o traballo e as circunstancias seguía sen facelo ata que foi coñecendo xente relacionada co este mundo e dixo “agora que teño o contexto e un entorno máis favorable é o momento de facer algo. De feito este ano espero sacar moitas máis cousas, porque de momento o que estou facendo sobre todo son colaboracións, para preparar o meu proxecto individual”.

 

 

Un proxecto musical urbano que o vindeiro venres 7 de agosto traeráa a casa, formando parte dun cartel de luxo no festival “Sons Urbanos” que se celebrará na praza da Estación, na Rúa, co patrocinio de Turismo de Galicia. Todo un reto que afronta con moito respecto. “Estou moi nerviosa porque nunca cantei diante de tanta xente como se espera aí, de feito cantei catro ou cinco veces en directo en Tarragona, e ao ser un festival con artistas tan coñecidos en Galicia, dame respecto a verdade”, di Mela.

Adianta que para esta actuación traerá a un compañeiro, @serowayne, para compartir o escenario, destacando que será como o seu “primeiro gran concerto e en casa” algo que tamén pode resultar máis difícil ao enfrontarse a caras coñecidas que actuar diante de xente que non coñece, pero que á vez faino moito máis importante para ela. “Aínda que dé máis medo e respecto tamén me fai máis ilusión, dicir vou cantar na Rúa, algo que nunca se me pasara pola cabeza a verdade”.

 

 

Será pois un concerto especial en todos os sentidos no que “vai soar de todo”, promete. R&B, reggaeton, trap,… “imos tocar diferentes estilos, rock e ata igual un corrido mexicano. Se os nervios mo permiten daremos un bo espectáculo”, conclúe.

Pódese coñecer un pouco o traballo de Mela, no seu Instagram: @mela_car3

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button