Na xornada deste xoves 24 de abril abríase o prazo para presentar os poemas para a VI edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado pola Fundación que leva o nome do poeta valdeorrés co apoio da Deputación de Ourense. Ao certame, cun premio único de 3.000€, poden presentarse un máximo de tres composicións. Deben ser inéditas, escritas en galego e ter entre 15 e 50 versos. A temática é libre e o prazo de presentación remata o próximo 29 de xuño de 2025.
A convocatoria desta edición era anunciada no Teatro Lauro Olmo do Barco, onde se realizará este ano a gala de entrega do Premio, polo membro do padroado Aurelio Blanco Trincado e as representantes na Fundación dos concellos do Barco e da Rúa Margarida Pizcueta e María del Carmen Álvarez, amosando o cartel deseñado pola valdeorresa Patricia Fernández, Lapitiparada. Fernández súmase así a outros artistas da comarca que xa deixaron a súa impronta na historia do certame, como Eva Piay, Carina Rodríguez, Anxo Baranga, Roi Domínguez ou Iván Prieto.

As bases do Premio e os formularios para presentar obras candidatas poden atoparse na web florenciodelgadogurriaran.gal onde tamén se anunciará ao xurado do Premio. O prazo de deliberación será de dous meses e o 10 de setembro anunciaranse os tres poemas finalistas. A gala, na que se desvelará ao gañador ou gañadora, está prevista para o 20 de setembro no Barco de Valdeorras e incluirá apartado musical e poético.
Este premio convocouse por vez primeira no 2018 e nestes anos ten recibido máis de setecentas composicións de autores e autoras de toda Galicia. Na edición do 2024, o vencedor foi Aleixandre Lago, un fallo desvelado nunha gala poética no castelo do Bolo. A itinerancia pola comarca desta gala e do resto da programación da Fundación é un dos seus piares, apostando por unha acción cultural conxunta para proxectar a lingua e a cultura de Valdeorras.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.