Ata 14 campañas de dinamización desenvolvía ao longo do 2023 a Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco. Moitas e moi diversas, implicando aos diferentes sectores desta entidade e dirixidas a diferente públicos. Así o amosaba a xunta directiva desta asociación, que preside Jacobo Arias, na asemblea anual ordinaria celebrada na tardiña deste 11 de setembro no Viveiro de Empresas do Barco.
O ano encetábase coa XI Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños” en xaneiro, despois viña a campaña de San Valentín, na que se repartían 300 flores de gervera entre os clientes pola rúa de forma aleatoria, das que 30 tiñan premios, consistentes en vales de compra por valor de 10 euros. O 19 de marzo realizábase a campaña “Con P de Pai”, coa instalación de inchables deportivos xigantes no pavillón vello do Barco, tamén colaboraban nese mes co CD Barco repartindo entradas de balde entre os clientes do comercio barquense e os colexios valdeorreses, en abril tiña lugar a pasarela de moda coa participación de 16 establecementos e presentada por David Amor, e logo viña a festa dos Maios e a campaña “Con de N de Nai”, así como a celebración das Letras Galegas en colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros educativos.

Así mesmo, o CCA organizaba en xuño a X Noite Branca, en agosto a campaña “Máis Rebaixas”, en setembro a actividade infantil Minichef, os días 20 e 21 de outubro o Magosto coa instalación dunha locomotora de castañas na praza do Concello do Barco e os días 27 e 28 de outubro o Samaín, con talleres infantís e un espectáculo do circo do terror. O ano remataba para o CCA coa campaña de Nadal.

A completa memoria de actividades do 2023 era un dos puntos da orde do día da asemblea, que resultaba aprobado por unanimidade. Os demais asuntos que lograban o respaldo dos asembleistas eran a acta da sesión anterior, a liquidación do orzamento do 2023 e a previsión de orzamento do 2024 e a ratificación de novas altas (un total de 11) da asociación. “Hai algunhas altas máis cuxa tramitación está concluíndo e agora mesmo somos un cento de asociados”, dicía o presidente do CCA, que expresaba o seu agradecemento aos socios, ademais de agradecer a colaboración das administracións con esta entidade.

No decurso da asemblea tamén se falaba das campañas que aínda restan para este ano (o Magosto, Samaín e Nadal) e destacábase a importancia de recoller ideas entre os asociados para novos proxectos ou para mellorar os xa existentes. “Recabar ideas dos asociados sempre é bo, o ano pasado houbo moita xente que nos aportou algunhas e iso gustounos moito”, comentaba Jacobo Arias, quen tamén agradecía a resposta ás actividades promovidas polo CCA e destacaba o labor que desenvolve a xunta directiva. “Temos moitos proxectos, ogallá que os poidamos levalos todos a cabo”, desexaba.
A asemblea finalizaba cunha homenaxe a veterana comerciante Manoli de Librería Murciego, para quen esta era a súa derradeira xuntanza como asociada, xa que hai uns días pechaba o seu negocio por xubilación. A directiva do CCA entregáballe un agasallo para despedila. “É importante seguir fomentando o comercio local e, nesa liña, os comerciantes deben manter o contacto coa xente, pero sen esquecerse das novas tecnoloxías, que son a base primordial para poder manterse no futuro”, comentaba Manoli, quen ademais lembraba as orixes do Barco CCA e como foron eses inicios, “pasamos moitas horas de traballo e dedicación, por iso penso que é moi importante o respecto para as directivas anteriores”. Finalizaba pedíndolles aos membros do CCA que “non vos rindades, o importante é non renderse e manter a ilusión”.
O presidente do CCA recollía o guante desta comerciante e coincidía con ela na importante de recordar os inicios da asociación e ás anteriores directivas, algo que adiantaba xa están valorando. Tras a reunión ofrecíase unha petiscada aos asistentes.
Fotos e vídeos: O SIL.
