CulturaCulturaÚltima hora

A Asociación Cultural A Pantalla celebra os seus 30 anos cunha noite de música aberta para todo Xinzo

Os Festicultores Troupe encherá a Praza de Oriente o sábado 24 de outubro, ás 23:30 h, para pechar a xornada conmemorativa deste 30 aniversario, que comezará ás 20:30 h no Museo Galego do Entroido

 

Hai xa tres décadas, no ano 1996, un grupo de veciños de Xinzo de Limia decidiu que a Pantalla merecía un trato distintivo e unha especial atención. A masificación crecente do Entroido ameazaba con desvirtuar os valores que dende sempre definiron o comportamento da máscara limiá, e naceu así a Asociación Cultural A Pantalla, “cun propósito que non cambiou dende entón: protexer, promover e difundir o símbolo de identidade cultural máis significativo da Limia”, explican dende a entidade.

A historia da asociación é a historia de varias xeracións de limiaos comprometidos, proseguen. A primeira xunta directiva púxoa en marcha no 1996. No ano 2000, unha segunda directiva refundouna e deulle un novo pulo que a mantivo activa durante case dúas décadas. E en 2017 abriuse a etapa actual, con directiva renovada, con máis socias e socios que nunca e novos campos de traballo.

Son trinta anos nos que A Pantalla desenvolveu campañas informativas dirixidas á xente nova, obradoiros de confección da máscara e da indumentaria tradicional, recuperación de elementos e patróns caídos en desuso, rescate da memoria oral e escrita do Entroido e colaboración co equipo técnico do Concello, tanto no Entroido como na creación do Museo Galego do Entroido, ademais de levar o nome de Xinzo a encontros de máscaras e traxes ancestrais por toda a península e máis alá: o sur de Francia, as Azores, Lisboa, Porto, Braga, Madrid, Valencia, Bilbao, Barcelona, Zamora, Sanabria ou Teguise.

Para celebralo, a asociación organiza un acto institucional o sábado 24 de outubro, ás 20:30 h, no Museo Galego do Entroido, “a casa na que mellor se entende o que a Pantalla significa para Xinzo”. O acto fará un repaso a esta traxectoria e concederá a condición de socio honorífico ás dúas primeiras xuntas directivas —a fundadora do 1996 e a refundadora do 2000— e a Federico Cocho, Edelmiro Cerredelo, Rafael Laso, Antón Riveiro Coello e a Xosé Santos Otero, en recoñecemento á súa contribución á asociación e ao Entroido de Xinzo. No mesmo acto, a entidade recibirá a doazón dunha máscara de pantalla antiga que pasará a formar parte do seu arquivo. “Tradición, respecto e sentimento: as tres palabras coas que a asociación se define seguen sendo as mesmas hoxe que en 1996”, asegura A Pantalla.

Tras o acto, celebrarase unha cea de confraternización para socios e achegados no Restaurante Orly con case un cento de participantes e autoridades. A xornada rematará celebrando “como se celebran as cousas en Xinzo: na rúa e con todo o pobo”, adiantan. Nesa mesma noite a Praza de Oriente converterase nunha pista de baile ao aire libre a partir das 23:30 h coa actuación de Festicultores Troupe. Non é unha elección casual: para unha asociación que leva tres décadas defendendo que a tradición está viva, a mellor maneira de cumprir anos é facer que Xinzo baile cun dos grupos que mellor representan o noso Entroido. O concerto serán de balde, por suposto.

A asociación agradece ao Concello de Xinzo de Limia e a todas as persoas que ao longo destes 30 anos fixeron posible que a Pantalla siga tendo quen a defenda, quen a vista e quen a respecte. E convida a todo Xinzo a celebralo o 24 de outubro na Praza de Oriente.

Programa – sábado 24 de outubro:

20:30 h · Acto conmemorativo do 30.o aniversario · Museo Galego do Entroido
 23:00 h · Festicultores Troupe · Praza de Oriente

Back to top button