OurenseÚltima hora

A Asociación de Autoescolas de Ourense celebra en Celanova a súa tradicional festa anual

 

A Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense vén de celebrar este venres a súa tradicional Festa Provincial de Autoescolas, un encontro que volveu reunir a empresarios e profesionais do sector “nun ambiente de gran confraternización, compañeirismo e recoñecemento mutuo, reflexo do bo momento que atravesa o colectivo na provincia”, asegura a entidade.

A xornada comezaba na Praza Maior de Celanova, onde levou a cabo a exposición de vehículos das autoescolas participantes e a foto de familia oficial, na que se deron cita numerosos representantes do sector xunto ás principais autoridades locais e autonómicas. Posteriormente, os asistentes gozaron dunha visita guiada ao Mosteiro de San Rosendo, á Capela e ao Claustro, onde puideron coñecer de preto o patrimonio histórico e cultural da vila. A continuación, o grupo desprazouse á Reitoral de Ansemil, onde tivo lugar a recepción oficial, o aperitivo e a apertura institucional do evento.

Durante o acto institucional, o presidente da Asociación, Luis Novoa Fernández, daba a benvida un ano máis a todos os asistentes, agradecendo a participación e o compromiso das autoescolas da provincia.
Na súa intervención, subliñou a importancia de manter a unidade e a cooperación entre centros, así como de continuar avanzando en formación, innovación e profesionalización, piares que están a consolidar a Ourense como referente en educación viaria en Galicia.

O encontro continuaba coa comida oficial, un espazo de convivencia no que se puxo de manifesto o bo clima de colaboración e cohesión do sector.

A continuación, dábase paso á entrega de placas e recoñecementos institucionais, un dos momentos máis destacados da xornada, cos que a Asociación quixo agradecer a colaboración e apoio de distintas personalidades vinculadas ao impulso da educación viaria na provincia.

 

As distincións foron entregadas a:

Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense.
Javier Barja Álvarez, capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.

Ambos recibiron este recoñecemento pola súa implicación constante e compromiso coa seguridade viaria, a formación de condutores e o respaldo institucional ao sector das autoescolas.

O acto contou coa presenza e intervención de: Luis Novoa Fernández, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Autoescolas de Ourense; Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense; César Blanco Rodríguez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; Antonio Puga Rodríguez, alcalde de Celanova; David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico en Ourense; Eladio Santos Martínez, subdelegado do Goberno en Ourense; José Luis Ferro Iglesias, deputado no Parlamento de Galicia; Marta Vázquez Guzmán, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia de Ourense; Hipólito Casa Conde, xefe de Servizo de Movilidade de Ourense; Juan Carlos Álvarez Freire, representante da Confederación Nacional de Autoescolas.

Tamén participaron na xornada representantes de asociacións de autoescolas doutras provincias de España, como Alacante, así como membros da Confederación Nacional de Autoescolas de España (CNAE), reforzando o carácter nacional e colaborativo deste encontro e o papel activo de Ourense dentro do sector a nivel estatal.

Durante as intervencións púxose en valor o nivel de profesionalización, adaptación tecnolóxica e vocación formativa que caracteriza hoxe ao sector, así como a importancia de seguir traballando de forma conxunta para fortalecer a educación viaria e a modernización das autoescolas.

Pola súa banda, Luis Menor puxo en valor ao sector como “motor económico” da provincia, destacando o impulso da Deputación aos profesionais das autoescolas, con axudas para cursos de formación e outras iniciativas como a mellora dun aula para examinarse no Barco de Valdeorras.
O presidente provincial asegurou que o sector en Ourense é “innovador e dinámico”, ademais de “garantir o relevo xeracional”.

O evento consolidouse, un ano máis, como unha cita imprescindible para reforzar a unidade e o prestixio do colectivo, poñendo en valor a proximidade, a innovación e a contribución social das autoescolas ourensás.

Back to top button