O Pazo dos Deportes Paco Paz acollía esta mañá a sesión de demostración da primeira promoción do ciclo superior en Formación para a Mobilidade Segura e Sostible, dentro do programa de FP Dual. O acto, organizado pola Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense, co apoio institucional da Deputación de Ourense, poñía en valor un modelo educativo innovador que combina formación teórica en centros de estudo con prácticas reais en empresas do sector, reforzando a empregabilidade e as competencias profesionais do alumnado.
Durante o curso 2024-2025, 13 autoescolas da provincia acolleron aos 14 estudantes participantes neste programa pioneiro, facilitando a súa integración en contornas laborais reais desde o mes de marzo ata agosto. Este modelo, aliñado cos obxectivos de formación para unha mobilidade máis segura e sostible, representa unha aposta clara pola profesionalización do sector e por unha formación conectada coa realidade.
O evento contaba coa intervención do presidente da Asociación Provincial de Autoescolas, Luis Novoa Fernández, quen daba a benvida aos asistentes e destacaba o papel do sector na formación de novos profesionais. Tamén se realizaba unha demostración práctica a cargo do alumno Ransel Pino Rodríguez, xunto co seu titor Jesús Soto Soto, que evidenciou o nivel de preparación alcanzado.
Durante o acto tomaron tamén a palabra o alumno Héctor Santalices Diéguez e o titor Jesús Soto, quen compartiu a súa experiencia e reflexionaron sobre o valor desta formación. A continuación, celebrouse a entrega de recoñecementos aos alumnos e alumnas, en presenza dos seus titores, representantes do sector e autoridades institucionais.
O peche da xornada estivo a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen puxo en valor esta colaboración público-privada como exemplo de compromiso coa formación, o emprego e o futuro do tecido produtivo da provincia. “Esta iniciativa reflicte o que debemos impulsar desde as administracións: formación de calidade, oportunidades reais e aposta polos mozos”, sinalaba.
A xornada finalizaba cunha foto de familia que simboliza a colaboración entre entidades, autoescolas, alumnado e administración pública.
De cara ao futuro, a Asociación xa prepara a segunda edición do ciclo FP Dual (2025–2027). Ademais, lánzase unha nova modalidade de formación a distancia única en Galicia, con ao redor de 50 prazas dispoñibles, dirixida á preparación de futuros docentes en mobilidade segura e sostible. Esta nova oferta reforza o papel de Ourense como centro de referencia autonómico en formación viaria avanzada.
Desde a Asociación Provincial de Autoescolas e entidades colaboradoras como Autoescolas Ourense, reafírmase o compromiso de continuar desenvolvendo iniciativas que promovan unha mobilidade máis segura, sostible e con profesionais cada vez máis cualificados.