
O presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), César Blanco, vén de facer unha visita institucional á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, onde foi recibido polo presidente da entidade, José Antonio Rodríguez Araújo, xunto a varios membros da xunta directiva.
Durante o encontro, ambas as partes abordaron diferentes cuestións de interese para o tecido empresarial asentado no parque industrial, centrando boa parte da conversación en temas de infraestruturas e servizos esenciais para a competitividade do Polígono, recollidos no seu Plan Director, así como o grao de execución do mesmo.
Entre os asuntos tratados destacou a recente licitación das obras de saneamento do río Barbaña e a nova EDAR de San Cibrao, impulsadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Este proxecto, longamente demandado, supón un avance significativo en materia ambiental e de sustentabilidade para a zona industrial e a súa contorna.

Tamén abordaron a ampliación do Polígono, que está na súa fase administrativa, e a necesidade de perseverar coa Estación de Mercadorías, un proxecto estratéxico que permitiría mellorar a conexión loxística do Polígono a través do ferrocarril, favorecendo a súa competitividade.
José Antonio Rodríguez Araújo agradeceu a visita institucional e subliñou a importancia da cooperación entre a CEO e a Asociación “para seguir avanzando en proxectos que melloren a competitividade, a sustentabilidade e a capacidade de crecemento das empresas situadas en San Cibrao”.