
O Barco de Valdeorras celebrará do 4 ao 10 de outubro a 14ª Semana da Lactación Materna, organizada pola asociación De Nai a Nai. A iniciativa pretende poñer en valor a lactación materna e xerar espazos de información, reflexión e participación arredor do acompañamento ás familias.
O lema desta edición, «Lactación materna para un comezo de vida sostible: fortalecer o que funciona», propón centrar a atención non só naquilo que se sabe que funciona, senón tamén en como conseguir que as intervencións eficaces cheguen realmente ás familias e poidan manterse no tempo. Neste sentido, lembra a asociación, a Organización Mundial da Saúde sinala como prioridades seguir os progresos, avaliar o impacto e ampliar as intervencións que demostraron funcionar, ademais de reforzar unha «cadea cálida de apoio» que conecte as familias, os profesionais sanitarios, os sistemas de saúde, os lugares de traballo e as comunidades.
O acto central da programación será a charla «Que fai que unha lactación funcione? Da evidencia á vida real: accións que si axudan», que impartirá o luns 5 de outubro Lorena Prada Fernández, IBCLC.
“A sesión partirá dunha pregunta: se coñecemos as intervencións que axudan a protexer, promover e manter a lactación, que impide que estean dispoñibles para todas as familias que as necesitan? A partir desta cuestión, a relatora abordará a distancia que en ocasións existe entre a evidencia científica e a experiencia cotiá das familias. Abordaranse aspectos como o acompañamento durante o inicio da lactación, o apoio profesional cualificado, a continuidade da atención, o papel da familia e da comunidade e as condicións que poden facilitar a continuidade da lactación”, tal e como indica Lorena Prada, presidenda da Asociación De Nai a Nai.
A actividade será de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade e terá lugar na Academia Dequidt nº 6, 4º andar (edificio da Biblioteca Pública).

Obradoiro infantil de repostaría
A programación comezará o domingo 4 de outubro, ás 12:00 horas, cun obradoiro infantil de repostaría dirixido a nenos e nenas. A actividade será impartida por Darlene Dobao Pérez, socia de De Nai a Nai e profesional da repostaría en A Casiña.
As persoas participantes elaborarán e decorarán a súa propia tarta tradicional de pastelaría, aprendendo diferentes técnicas e utilizando utensilios de repostaría. Os nenos e nenas de 2 a 5 anos deberán acudir acompañados por unha persoa adulta. As prazas son limitadas e é necesario inscribirse previamente en denaianai@gmail.com, indicando o nome e a idade da persoa participante e posibles alerxias alimentarias.
Con esta programación, De Nai a Nai pretende reivindicar a importancia de que as familias dispoñan de información, acompañamento e recursos adecuados durante o proceso de lactación, poñendo o acento este ano na necesidade de fortalecer aquilo que xa sabemos que funciona e conseguir que ese apoio sexa accesible e sostible.
Esta Semana da Lactación Materna será financiada polo Concello do Barco.
