EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia celebra a súa asemble anual na sede do CSIC en Pontevedra

“Temos como obxectivo protexer e acompañar ao pequeno sector do aceite en Galicia, así como seguir a traballar na xestión das boas prácticas oliveirais que optimicen as plantacións das e dos asociados”, aseguran

 

A Asociación de Produtores/as de Aceite e Aceituna de Galicia -APAAG- vén de celebrar a súa asemblea xeral no Pazo de Salcedo de Pontevedra, onde ten a sede o CSIC, a través da Misión Biolóxica de Galicia.

No apartado máis formal da xuntanza, aprobáronse as actas, as contas anuais dos últimos tres anos, e debateuse sobre o plan para os próximos exercicios. Tal e como explicou na súa diagnose o reelixido presidente, Alfonso R. Udías, “a oliveira en Galicia é un sector moi pequeno e disgregado por distintas zonas, con resultados e rendementos diferentes. Isto multiplica os retos para estar agrupados, pero tamén fai necesaria unha ferramenta que conecte, acompañe e oriente aos produtores/as, e para iso está a APAAG . Temos como obxectivo protexer e acompañar ao pequeno sector do aceite en Galicia, así como seguir a traballar na xestión das boas prácticas oliveirais que optimicen as plantacións das e dos asociados”.

Desta maneira, expúxose a labor didáctica da asociación, que, desde os últimos anos, fai unha media de 6 actividades formativas propias ao ano, ademais de actividades divulgativas, onde se presentan os aceites arredor do selo que ten a Asociación, apag.gal, e que garante a produción 100% galega dos AOVEs e tamén colaboracións cos distintos grupos operativos que están a traballar na optimización dos oliveirais galegos e a recuperación das variedades autóctonas.

 

 

Visita á Misión Biolóxica de Galicia

Tras a xuntanza, os/as asociados/as visitaron as instalacións do centro de investigación onde se está a traballar na reprodución das variedades de oliveiras autóctonas. Como explica Alfonso Udías, “coñecer estas instalacións resultou unha actividade moi interesante para os asistentes xa que puidemos comprobar da man de Carmen Martínez –xefa do grupo de viticultura, olivo e rosa- as plantacións de oliveira autóctona nas que están a traballar desde a Misión Biolóxica algo que, en nome da APAAG querémoslle agradecer”.

A APAAG

A Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, fundouse no 2014 e ten a súa sede en Ourense. Actualmente está formada por uns 140 asociados. Tal e como explica o presidente, “as principais zonas produtoras por excelencia son o sur de Lugo e Valdeorras. A maiores, nos últimos lustros, fóronse recuperando outras como Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro, O Rosal, ou a zona do Deza. Hai dous tipos principais de produtores/as, pequenas plantacións para autoconsumo, a maioría, e logo unha minoría que comeza a comercializar os Aceites de Oliva Virxe Extras Galegos. Aquí tamén observamos como os aceites galegos, caracterizados por uns sabores únicos e singulares polo noso entorno atlántico, teñen moi boa aceptación nos consumidores”.

Back to top button