ConcellosÚltima horaVilamartín

A Asociación de Veciños de Arcos pídelle á Xunta e á Deputación “medidas urxentes para garantir a potabilidade da auga”

Zona afectada polo lume no municipio de Vilamartín de Valdeorras./ Cedida.

 

A Asociación de Veciños San Lourenzo de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) informa de que vén de rexistrar escritos dirixidos á Presidencia da Xunta de Galicia, á Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ao presidente da Deputación Provincial de Ourense, entre outros, nos que se insta a estas administracións “a tomar medias urxentes de cara a garantir a potabilidade da auga de consumo en concellos como o de Vilamartín de Valdeorras. O incendio forestal do pasado mes de agosto que arrasou con miles de hectáreas en Valdeorras trouxo consigo consecuencias moi negativas, as cales estamos a sufrir de primeira mán a veciñanza da comarca, principalmente a de Vilamartín, coa falta de auga potábel, dende fai unhas semanas. As choivas trouxeron consigo os arrastres de cinza e combustibles madeireiros aos ríos, regatos máis aos propios manantiais, imposibilitando aos medios de depuración garantir que a auga sexa apta para o seu consumo”.

Ante esta problemática a asociación pregúntase “que facemos entón a veciñanza??? Resignarse ante esta situación e rogar que non chova para dispór de auga nas nosas casas??? As administracións públicas teñen a obriga de proporcionarlles aos seus cidadáns os servizos básicos ou prestacións obrigatorias. A auga potábel nas nosas casas é fundamental, por conseguinte instamos á Xunta de Galicia, máis a Deputación Provincialde Ourensea traballar conxuntamente co Concello de Vilamartín na procura de garantir canto antes a calidade máis a potabilidade da auga de consumo para os cidadáns deste concello, sen esquecernos tampouco da urxente posta en marcha de medidas para protexer ó solo das montañas, traballando na recuperación e rexeneración da cuberta arbórea, co fin de evitar os arrastres. A reconstrución mediante plantacións para o restablecemento do ecosistema degradado é fundamental, utilizando para elo técnicas e prácticas do que coñecemos como silvicultura preventiva”, din dos veciños nun comunicado de prensa emitido esta mañá.

Ademais, a Asociación de Veciños de San Lourenzo de Arcos afirma que, “a maiores de reclamar á Xunta de Galicia máis a Deputación Provincial de Ourensemaior contribución para paliara grave situación que estamos a soportar os cidadáns, tamén trasladamos outras demandas ao propio Concello de Vilamartín, no senso de regularizar os recibos da taxa por abastecemento de auga potábel, posto que a veciñanza ven a pagar por un servizo que non está a desfrutar. Por outra banda, realizar xestións perante a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) ou a propia Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para que mobilicen algunha cisterna con auga potábel para os veciños e veciñas das parroquias de San Miguel, Arcos, Vilamartín e Valdegodos, os cales somos os damnificados pola falta de auga potábel, sen esquecernos tampouco do perxuízo económico para as familias que acarrea o feito de ter que estar a mercar auga embotellada para o seu consumo”.

Finalmente, esta entidade veciñal indica que “as nosas demandas tamén se trasladaron ás alcaldías de O Barco máis a da Rua, demandándolles colaboración coa veciñanza de Vilamartín afectada pola falta de auga,no senso de pór a disposición dos veciñose veciñas a posibilidade de asearse nos pavillóns de deportes destas localidades, concretando co rexedor de Vilamartín os detalles desta axuda, de cara a non colapsar a instalación deportiva. Pois ben, ante a emerxencia ambiental que estamos a sufrir, tócalles as administracións, a todas elas, sen excepcións, arrimar o ombro e colaborar para que a veciñanzade Valdeorras poidamos espertar deste mal soño que estamos a vivir. As diferenzas políticas entre as administraciónsdeben quedar ao marxen, cando se trata do benestar dos seus cidadáns”.

Back to top button