
Na mañá deste xoves 8 de outubro, o presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, e a vicepresidenta da entidade, Olga Mojón, mantiñan unha reunión institucional coa vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, María Montserrat Cruz, nun encontro que serviu para fortalecer as relacións de colaboración entre ambas institucións e abordar posibles iniciativas conxuntas dirixidas á comunidade universitaria.
Durante a reunión, celebrada na vicerreitoría do Campus de Ourense, a Asociación presentou as súas principais liñas de actuación na provincia, facendo especial fincapé nos programas de prevención, promoción da saúde, investigación, apoio e acompañamento a pacientes e familiares.

O encontro permitiu tamén intercambiar impresións sobre os retos actuais en materia de hábitos de vida saudables e sensibilización fronte ao cancro entre a poboación máis nova, así como explorar futuras accións colaborativas que contribúan a promover a saúde e o benestar dentro do ámbito universitario.
O presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saa, destacou que “a universidade é un espazo clave para fomentar hábitos de vida saudables e para sensibilizar á sociedade desde o coñecemento e a investigación. Para nós é fundamental seguir estreitando lazos co Campus de Ourense para desenvolver iniciativas que contribúan a reducir o impacto do cancro e a mellorar a calidade de vida das persoas”.

A continuación do encontro institucional, a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense desenvolveu no Campus de Ourense unha acción de sensibilización enmarcada no Día das Universidades saudables. A iniciativa, realizada en colaboración co departamento territorial de Sanidade, incluíu unha mesa informativa sobre prevención do tabaquismo e do vapeo, así como actividades de dinamización da campaña “Campus Sen Fume” e captación de voluntariado. A través desta acción, a entidade achegou información e recursos á comunidade universitaria para fomentar hábitos de vida saudables e concienciar sobre a importancia da prevención como ferramenta clave contra o cancro.
Tanto a Universidade de Vigo como a entidade en Ourense manifestaron a súa vontade de continuar colaborando en proxectos que contribúan á promoción da saúde, á prevención do cancro e á sensibilización social, reforzando así o compromiso compartido coa mellora da calidade de vida da cidadanía.
