OurenseÚltima hora

A Asociación Por Eles TEA inaugura a súa nova sede en Ourense

 

Na mañá do xoves 9 de outubro inaugurábase en Ourense a nova sede de Por Eles TEA, cun acto ao que asistía o presidente da Deputación, Luis Menor, que lembrou a primeira reunión que mantivo como responsable provincial con esta asociación, creada para acompañar, orientar e defender os dereitos das persoas con Trastorno do Espectro Autista. “Naquela reunión transmitíronme o seu gran soño, que era contar cunha sede propia. E hoxe, ese soño é realidade e síntome co deber cumprido”, proclamou.

Precisamente, Luis Menor lembrou que a colaboración da Deputación para conseguir hoxe ese obxectivo foi “moi importante”, e avanzou que a institución provincial continuará a prestar apoio, dentro das súas posibilidades, “para botar unha man en todo o que faga falta”.

De feito, Menor tamén quixo recoñecer o labor que realiza a Área de Política Social da Deputación, en contacto permanente cos colectivos sociais para poder “canalizar mellor a cooperación posible para desenvolver os seus proxectos, porque as administracións debemos estar para resolver problemas”.

Á inauguración tamén asistían o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen destacou que o traballo de entidades como Por Eles TEA é “imprescindibles para moitas persoas con Trastorno do Espectro Autista e as súas familias” e tamén para a sensibilización de toda a sociedade. “Sodes os interlocutores que precisamos as Administracións para chegar a todos os cidadáns”, subliñou.

“O Goberno está a executar a Estratexia Española en Trastorno do Espectro Autista que, cunha dotación de 40 millóns de euros, persegue os obxectivos de fomentar a inclusión laboral, a mellora da atención temperá e a promoción da investigación, entre outros”, destacou o subdelegado.

Back to top button