En portadaÚltima hora

A Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil (AVPC) de Ourense entrega as súas medallas ao mérito

Nesta ocasión, coindicindo nesta ocasión co Día Internacional do Voluntariado, recoñeceuse o “incansable traballo” dos voluntarios durante a vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense durante o verán

 

Na mañá deste venres 5 de decembro o Auditorio Municipal de Ourense acollía o acto de entrega de medallas ao mérito que organiza anualmente a Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil (AVPC) de Ourense, coindicindo nesta ocasión co Día Internacional do Voluntariado.

Á gala, na que se recoñeceu a voluntarios individuais, a varias AVPC, e tamén a outros servizos relacionados coa xestión das emerxencias asistían o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Ruesda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o Subdelegado do Goberno en Ourens, Eladio Santos; e o presidente da Deputación de Ourense, entre outras autoridades.

Nesta edición, na que se outorgaron un total de 61 condecoracións, a asociación provincial da Protección Civil, puxo en valor o “incansable traballo” dos voluntarios durante a vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense durante o verán.

 

 

Unha das 15 condecoracións de ouro outorgadas a todos os organismos que formaron parte do CECOP durante a vaga de lumes, era para a Deputación de Ourense que participou activamente con medios humanos e técnicos. A asociación de Protección Civil recoñécelle á Deputación de Ourense a súa “posta a disposición de tódolos medios e recursos de obra pública” da institución e, especialmente, a xestión e mobilización dos parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense.

As 5 distincións de prata, polo seu labor eran para as agrupación de voluntarios da Pobra de Trives, Manzaneda, Parada de Sil, Viana do Bolo e Vilardevós.

Ademais de 12 medallas de ouro aos organismos do CECOP e as cinco de prata, entregáronse tres condecoracións de ouro aos voluntarios de Protección Civil da agrupación de Verín, que colaboraron no rescate dos brigadistas feridos de Oímbra; e 41 voluntarios de Protección Civil na provincia recibiron 41 medallas de bronce a título individual, das agrupacións da Rúa, O Bolo, Larouco, Cualedro-Monterrei, Carballeda de Avia, Laza, Cortegada e Castrelo de Miño.

 

 

Back to top button