A RúaConcellosÚltima hora

A Asociación Sabugueiro presenta as Festas de San Roque 2026, na Rúa Vella

Con cultos, música, deporte e moitas actividades lúdicas, do 21 ao 24 de agosto

 

As festas de San Roque 2025 ían ser especiais pero o asolador incendio que levaba días poñendo en perigo ás casas e modo de vida dos valdeorreses truncouno todo e pouco antes da data, a Asociación Sociocultural Sabugueiro, organizadora das festas coa colaboración do Concello, decidía cancelalas “tendo en conta toda a situación sufrida e a que están sufriendo aínda os nosos veciños valdeorreses”, truncándose así un completo programa que recuperarán neste 2026, polo menos coa maioría das súas propostas con actividades dende o venres 21 ata o martes 25 de agosto na Rúa Vella.

Aínda que a novena comezará xa o día 13, celebrándose todos os días ata o 23, ás 20:30 horas na capela de San Roque onde tamén terán a misa na súa honra o día propio, 16 de agosto, ás 12 horas; será o venres cando comecen os actos propiamente coa misa do traslado da imaxe de San Roque dende a súa capela ata a igrexa de Santo Estevo ás 20 horas. E dúas horas e media despois arrincará a IV edición de “Got Talent” o concurso de talentos da zona que amosarán o seu arte sobre o escenario a partir das 22:30 horas, con fin de festa a cargo da discomóbil “A Pimentoneta”.

E xa en plena fin de semana, o sábado 22 de agosto xogarase o campionato de tute por parellas ás 16 horas no Bar San Roque, con premios para o 1º (80 barallas e trofeo) e para o 2º (40 barallas e trofeo). Tres horas despois, ás 19:30 horas arrincará a XLIII edición da Volta Ecolóxica con percorrido pola Rúa Vella ata o campo de San Roque. Nese punto actuarán dous grupos valdeorreses, El Patio de Leni (21:30 horas) e Tentempié (1 horas), rematando a altas horas da madrugada bailando a tope coa “Pimentoneta”.

 

 

O domingo día 23 de agosto arrincará co pasarrúas de Abertal e ás 13 horas será a misa na igrexa seguida da procesión coa que se trasladará a imaxe ata a súa capela, no campo de nome homónimo. Ese día o baile correrá por conta da orquestra Finisterre que actuará en sesión de tarde (21:30 horas) e verbena. O fin de festa será de novo a cargo da “Pimentoneta”.

As festas da Rúa Vella continuarán o luns 24 de agosto cun pasarrúas da Charanga BBB e unha misa campestre no exterior da capela de San Roque ás 12 horas. O luns é tamén o día dos nenos, un público ao que coidan especialmente dende a asociación, con diferentes actividades para eles ao longo do ano, destacando as que organizan no Nadal e polo Samaín. No marco das festas celebrarase unha actividade especial na praza César Conti ás 18 horas que rematará coa festa da agua. Ese día o baile, en sesión longa (de 21 a 00 horas), correrá por conta da orquestra Marbella.

 

Back to top button