
Aínda que intentaron desvincularse da comisión para centrarse nas actividades especiais, moitas delas para o público infantil, non conseguiron que ninguén se implicase, sendo novamente a Asociación Sabugueiro quen se encarga do programa das Festas de San Roque 2025, que preparan con moito esmero e será coma sempre moi completo, cunha ampla oferta para toda a familia, dende o venres 22 ata o luns 25 de agosto na Rúa Vella.
Eses serán os días centrais pero o programa vai moito máis alá, recuperando este ano a romaría que se celebraba hai anos no campo de San Roque e que tras varios sen ela volve con forza. Será o domingo 17 de agosto con festa, xuntanza e xantar a partir das 12:30 horas.
Dende a asociación convidan á poboación a acudir coa familia e amigos a celebrar “con todos os veciños da Rúa Vella o San Roque”, adiantando que haberá postos de venda de comida e bebida. “Pode ir todo o mundo sen necesidade de entrada e levar a súa propia comida pero no caso de querer algo do que pon a asociación (panceta e bica) deberán mercar o tícket (5 euros) con antelación no Colmado”, explican, asegurando que tamén haberá acompañamento musical do dúo Doble Generación.
