
“Máis dun ano do gran incendio forestal que arrasou a maior parte da superficie forestal da zona do río Farelos, entre outras, a veciñanza do pobo de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) continuamos soportando en moitas ocasións a auga turbia, e no peor dos casos, a falta deste servizo básico e esencial”. Deste xeito comeza o comunicado que vén de emitir esta tarde a Asociación Veciñal San Lourenzo de Arcos.
Esta entidade considera que “as diferentes administracións deberán tomar medidas urxentes para garantir a potabilidade da auga de consumo no noso pobo; actuacións para protexer o solo dos montes do Farelos, executando traballos na recuperación e rexeneración da cuberta arbórea, co fin de evitar os arrastres. A reconstrución mediante plantacións para o restablecemento do ecosistema degradado é fundamental, para o cál deberánse utilizar técnicas e prácticas recollidas dentro da silvicultura preventiva”.
Segundo indica a asociación, “estas medidas deberán ser xestionadas a través da Confederación Hidrográfica Miño – Sil máis da Consellería do Medio Rural, administracións con competencias tanto no río Farelos como no monte que recibe o mesmo nome”.
Asegura esta asociación veciñal que “as primeiras choivas do inverno xá están eiquí, e as consecuencias que éstas acarrexan ás infraestructuras municipais de depuración das augas e manantiais son de gran importancia, imposibilitando por conseguinte, o abastecemento con garantías deste servizo básico. Por tanto, instamos á Xunta de Galicia máis á Confederación Hidrográfica Miño – Sil á realización dos traballos de recuperación e rexeneración da área do Farelos, onde as dúas administración teñen competencias, co fin de evitar os arrastres en primeiro termo, e posteriormente ao restablecemento do ecosistema degradado”.
Di esta asociación veciñal que “atopámonos ante unha emerxencia ambiental na nosa área de influencia. Así se lle transmitíu as diferentes administracións, polo tanto, requerimos destas as actuacións necesarias para que a veciñanza da parroquia de Arcos volte a normalidade, despois de máis dun ano de atrancos co servizo de auga potable. Non podemos esquecernos tampouco do entorno do paso subterráneo da N-120 ao seu paso pola nosa localidade; lugar que ven a sufrir estragos por mór das choivas e ata incluso do desbordamento do río Farelos. Hai veciñanza que está soportando as consecuencias pola falta de mellora desta infraestructura, reforma que se iniciaría logo dos trámites administrativos de urxencia. Pois ben, a reparación do paso subterráneo continúa sen comenzar. Instamos ao Subdelegado do Goberno de Ourense a cumprir cos compromisos que se comunicaron a esta asociación veciñal alá polo mes de xullo”.