
Dende a CIG Saúde-Valdeorras emitíase un comunicado de prensa para informar de que “temos coñecemento da intención de deixar sen cobertura médica ao Centro de Saúde (CS) de Vilariño de Conso do día 16 ao 31 de xullo. Durante ese período non haberá consulta ordinaria como tal en horario de mañá, tendo os pacientes do concello de Vilariño de Conso que desprazarse para consultas ao Concello de Viana do Bolo, sendo ademais moi escasos os ocos que lles deixan para poder anotarse no CS de Viana do Bolo”.
O sindicato considera que se trata dunha “inasumible minoración dos recursos sanitarios do rural” e que isto “imposibilita a atención temperá nas emerxencias dunha poboación envellecida e dispersa por un territorio de montaña, que dificulta ou imposibilita o seguimento dos procesos crónicos, dificulta a diágnose de novos procesos de enfermidade, de estudos analíticos, das incapacidades laborais: baixas ou altas de IT, da solicitude de medios de transporte sanitario, das renovacións de receitas etc.
E todo eso nunha época do ano en que por circunstancias vacacionais se incrementa a poboacion no concello con residentes estivais foráneos, que ademais adoitan facer actividades ao aire libre incrementando o numero de accidentes, intoxicacións e alerxias”.
Por iso dende a CIG-Saúde Valdeorras pídese “a inmediata cobertura deste recurso sanitario, utilizando para eso calquera tipo de recurso de xestión dispoñible: contatacións, prolongacións de xornada, xornadas a maiores etc”.
Sobre esta situación a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras di que se “planifica a asistencia sanitaria durante os meses de verán compatibilizándoa co merecido descanso dos profesionais sanitarios. No Centro de Saúde da Vilariño de Conso, estaba prevista e planificada esta cobertura asistencial durante a segunda quincena do mes de xullo por unha profesional médica do Centro de Saúde de Viana do Bolo. Debido a unha baixa laboral desta última e ante a imposibilidade de encontrar un substituto, ao non dispoñer de profesionais médicos en listas de contratación, a cobertura asistencial estará totalmente garantida durante este período de tempo grazas á derivación cara aos profesionais do Centro de Saúde de Viana do Bolo que asumirán a demanda asistencial”.
Así mesmo a xerencia da área sanitaria ourensá asegura que “a continuidade asistencial está garantida no centro de saúde de Vilariño de Conso durante todo o verán coa presenza permanente da profesional de enfermaría asignada. Cómpre subliñar, que a atención urxente está sempre garantida, vía o servizo de emerxencias sanitarias do 061, e dos profesionais sanitarios no PAC de Viana, que é o PAC de referencia para a poboación de Vilariño de Conso”.
Ademais a xerencia lembra que, “pese a que a poboación pode aumentar durante o período estival nun reducido número de concellos da nosa provincia, as atencións sanitarias, tanto de facultativos como de enfermería, diminúen de xeito moi pronunciado onde esta redución poden chegar nalgúns casos ata o 40% con respecto ao resto do ano”.