
Na xornada deste martes 9 de setembro a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) despregaba a súa unidade móbil na rúa San Martiño de A Pobra de Trives dentro da campaña estival “Non esquezas doar antes de veranear”, unha iniciativa que busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de doar sangue nos meses de verán, cando se precisan máis de 400 doazóns diarias para garantir a atención hospitalaria en Galicia.
“O concello de Trives destaca polo seu compromiso coa solidariedade”, aseguran dende o ente local, explicando que no ano 2024 “rexistrou 126 doazóns de sangue, cunha taxa de 64 doazóns por cada 1.000 habitantes, a máis alta de toda a provincia de Ourense e 25 puntos por riba da media galega”.
ADOS agradeceu a implicación do municipio e da súa veciñanza, que contribúen a salvar vidas de milleiros de pacientes cada ano. A Axencia lembra que poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, con boa saúde e máis de 50 quilos de peso, e anima a toda a poboación a sumarse a este xesto solidario.