En portadaÚltima hora

A Baco Festa 2026 da Rúa abre as portas cun divertido pregón, once adegas e a mestura de gastronomía e artesanía

 

Dúas semanas despois da multitudinarias festas de verán e só dous días despois da eclipse total de sol, O Aguillón rués volve vestirse de festa para acoller a celebración máis esperada e representativa da vila, a Baco Festa que nesta edición reúne ata o domingo a once adegas e nove postos de artesanía, nun exemplo da capacidade das festas populares para dinamizar o territorio e poñer en valor os seus principais recursos turísticos.

A inauguración a unha intensa fin de semana tiña lugar na tardiña deste venres 14 de agosto, coma sempre co encontro na Ponte da Cigarrosa, das alcaldesas da Rúa e Petín, a nacionalista María G. Albert e a socialista Raquel Bautista, respectivamente, que tal como elas mesmas anunciaron, será o último para elas (o ano que vén hai eleccións municipais). Por iso querían que a chegada ao recinto feiral no Aguillón fose dun xeito especial e nada mellor que facelo en barca, surcando as augas do Sil.

 

 

Así chegaban acompañadas polo director de Turismo de Galicia, o rués Xosé M. Merelles, por dous soldados romanos da Lucus Augusti e pola pregoeira, Mercedes González, que como boa sumiller e coñecedora de Valdeorras e dos seus viños, fixo un divertido pregón cargado de anécdotas e chascarrillos co humor que a caracteriza, pero tamén de lembranzas como a primeira vez que veu a Valdeorras; de homenaxes a toda a xente que sufriu os lumes do pasado verán; e peticións, como a que lle facía a Merelles de que todas as covas da comarca lograsen o título de BIC que xa teñen as de Seadur; ademais de chistes e eloxios sobre A Rúa, a sús xente e sobre todo os seus viños, destacando que “é unha terra na que o viño é unha forma de vida” e que Valdeorras “non se visita, vívese e bébese”.

Do lume que hai exactamente un ano chegaba á Rúa arrasado o monte ao seu paso e da “resiliencia que temos para estar hoxe celebrando a vida”, falou tamén a alcaldesa da Rúa, dando a benvida aos asistentes e convidándoos a desfrutar da festa.

 

 

Na súa intervención, Xosé M. Merelles destacou que a Baco Festa da que foi pregoeiro nada máis entrar no cargo como director da Axencia de Turismo de Galicia “é unha cita que representa moi ben a Galicia auténtica que a Xunta busca proxectar, ao unir nun mesmo evento o patrimonio vitivinícola, a gastronomía e a memoria romana de Valdeorras”. É unha festa, dixo, “que se enmarca na aposta pola enogastronomía como un dos piares da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, pola súa capacidade para atraer visitantes interesados nestes produtos e por favorecer a distribución dos fluxos turísticos polo territorio”. Neste sentido, a consolidación de Valdeorras como destino de referencia do turismo enogastronómico permite apostar por un modelo sostible que conserve o patrimonio, respecte a contorna e xere actividade económica e oportunidades no territorio.

 

 

En resposta á petición da pregoeira, Merelles convidou aos asistentes á presentación do libro As Covas de Valdeorras “unha viaxe subterránea pola arquitectura e a cultura do viño”, de Carina Rodríguez e Cristina de la Torres que terá lugar o 20 de agosto no Centro Cultural Avenida.

E co tradicional brinde con godello, quedaba inaugurada a Baco Festa 2026, con propostas musicais moi diversas dentro do propio recinto. Esta noite é a quenda de Bicoco-s Band.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Back to top button