
A Banda de Gaitas Nova Era está de aniversario. A formación celebrará o seu décimo ano de traxectoria cun concerto moi especial titulado “DEZ”, que terá lugar o 7 de decembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Ourense.
A cita promete ser un punto de inflexión na historia da agrupación. Máis de setenta músicos subirán ao escenario para ofrecer un percorrido pola evolución sonora da banda, cun repertorio que combina tradición e vangarda e no que non faltarán as colaboracións con artistas convidados que teñen acompañado o proxecto ao longo desta década. “DEZ” é tamén un proxecto escénico no que repertorio, iluminación e narrativa musical dialogan entre si para crear unha experiencia inmersiva, pensada para poñer en valor o potencial expresivo da gaita galega e das distintas seccións instrumentais da banda.
“Queremos celebrar con quen sempre estivo aí, coa nosa xente, coa que nos viu medrar e coa que entende que a música tradicional pode ser tamén unha porta aberta ao mundo. Pero tamén queremos chegar a todos aqueles que aínda non deron unha oportunidade á nova música galega, e demostrarlles que hai moitas maneiras de escoitala, sentila e gozala”, explica Álvaro Isaac Rúa, director da formación.
O espectáculo revisará temas emblemáticos de Nova Era e presentará arranxos inéditos que mesturan o formato de banda de gaitas galega cos instrumentos da orquestra clásica e a música moderna nunha proposta que nos levará por cinco paradas musicais, dende os seus inicios ata o seu presente, pasando por repertorio de raíz, de autoría propia e mesmo dalgún estandar do jazz máis que recoñecido.
“A idea de DEZ é difuminar totalmente os límites musicais que se presupoñen nunha formación como a nosa. Queremos sentar as bases dun concerto que sexa referencial e quede para o recordo, e por iso o nivel de detalle e agarimo volcado neste espectáculo chegou a novas cotas. É moi diferente e moito máis refi nado que calquera outro produto no que traballamos anteriormente, e para lograr chegar a esa meta rodeámonos de músicos de primeiro nivel de fala galega”, comenta Dani García, director e produtor do espectáculo.
Dez anos despois, Nova Era segue a defender que a música tradicional é tamén unha ferramenta de identidade e cohesión social. O seu traballo, desenvolvido dende Monterrei, converteuse nun exemplo de como a creación cultural pode revitalizar o tecido social e ofrecer novas oportunidades artísticas na comarca.
As entradas xa están dispoñibles a través de ataquilla.com
Dez anos facendo comunidade a través da música
Fundada no Val de Monterrei en 2014, a Banda de Gaitas Nova Era converteuse nun dos proxectos máis singulares do panorama galego. Ao longo desta década levou a súa música a escenarios como o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Francia, Portugal ou a República Checa.
A traxectoria de Nova Era caracterízase pola constante exploración de novas linguaxes musicais. O seu primeiro traballo discográfi co, “Rumbo NE”, xa marcaba esa dirección: unha viaxe sonora na que conviven muiñeiras galegas, swing americano, salsa cubana, música celta e ritmos balcánicos, combinados coa potencia expresiva da gaita galega e das diferentes seccións instrumentais da banda. A súa estrea, o 28 de decembro no Auditorio de Verín, reuniu a máis de corenta músicos e contou coa colaboración de artistas de referencia como Óscar Ibáñez, nunha gala que consolidou o proxecto como un dos máis orixinais do panorama galego.
Desde aquela, Nova Era seguiu ampliando horizontes con propostas como o EP “Outros Compases: Cara A”, o espectáculo “Voces dunha nova era”, o documental “oriXes. Dez anos de Nova Era” e as Xornadas Culturais Nova Era, que cada verán dinamizan o centro de Verín con foliadas, obradoiros e cantos de taberna.
Con “DEZ”, a banda celebra un camiño no que a experimentación e o compromiso coa cultura local seguen a ser o seu mellor sinal de identidade.