Co obxectivo de promover a sustentabilidade do comercio local, invocando á creatividade para reforzar o vínculo cos negocios de proximidade como espazos de encontro e servizo xurdía o concurso ‘Sucedeu nun comercio’ convocado por AEVA para a II edición do Valdeorras Sostible, un programa organizado co apoio do Inorde ao que se presentaron un total de 44 propostas incluídas unha vintena escritas por escolares, cuxos premios eran entragados hoxe.
A barquense Diana Rodríguez Ramos fíxose co primeiro premio, dotado con 300 euros en vales agasallo Valdecash (trocables por compras nos comercios asociados a AEVA) coa historia Vinte anos non é nada. O segundo premio, dotado con 150 euros en vales Valdecash, é para Sergio Arce Sobrao polo relato Chismes, cosos e chirimbolos, enviado desde Cantabria, onde vive. En terceiro lugar queda Cova de papel, de Nuria Rodríguez Pérez, veciña de Trives, e quen recibiu tamén 150 euros en vales Valdecash.
Os premios eran entregados na sede da Asociación de Empresarios de Valdeorras por parte do seu presidente, Carlos Terán quen destacou a calidade e diversidade das obras presentadas. Por iso, AEVA difundirá todos os relatos que quedaron entre os dez finalistas, non só os gañadores, para o que conta co consentimento dos autores. Son os seguintes: Valdeorras, lugar de regreso, de Ángeles Terrón Cobo; Nadal tecido, de Sonia Revelo; O corazón de Valdeorras, de Valeria Crespo Olmos; Grazas, de Diana Ortiz Carracedo; O apagamento, de Nuria Rodríguez Pérez; e as historias Aquela tarde coa miña avoa de Irene Arias Núñez e Se traspasa, de Lara Prada Vidal, alumnas do Colexio Divina Pastora do Barco.
O xurado estivo composto por dous comerciantes, Carlos Terán, presidente de AEVA e xerente de Agricentro Terán, e Carolina Álvarez, propietaria da tenda de moda Tríos 2.0; Débora Álvarez Moldes, filóloga e xerente da Fundación Florencio Delgado Gurriarán; os poetas Jorge Álvarez e Ana Santos, integrantes da Asociación Cultural Nadel; e José María de la Torre, consultor e experto en comercio de proximidade. Para valorar as obras, que o xurado recibiu sen coñecer a súa autoría, debían de ter en conta os criterios expostos nas bases: que os relatos incluísen referencias ao comercio local na trama, personaxes, escenario ou contexto, valorándose que fosen negocios do perfil dos asociados de AEVA e as referencias explícitas a Valdeorras. Todos eles destacaron a creatividade das propostas, que incluíron desde mariñeiros do século XVIII, ata zombis, pedras preciosas e personaxes históricos de Valdeorras.

O último paso desta segunda edición de Valdeorras Sostible será a creación dun anuncio audiovisual inspirado nunha ou varias das obras gañadoras e finalistas. Ese anuncio será planificado e realizado nun taller participativo conducido pola valdeorresa Cristina de la Torre. No taller pasarase por todas as fases do proceso de creación audiovisual, desde o guión, a preprodución, rodaxe e montaxe. Estaba previsto que o taller se celebrase no Barco, pero finalmente farase no Centro Cultural Avenida da Rúa os días 5 e 6 de novembro de 17 a 19 horas.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.