
Que Valdeorras é cuna de grandes artistas e moi especialmente músicos, está fóra de toda dúbida, pero o que está a sorprender é que cada vez máis xente nova destaca no ámbito musical. Un dos exemplos máis recentes e claros é o de Lúa, a xove barquense que foi seleccionada para participar nas audicións a cegas do concurso musical de Antena 3 ‘La Voz Kids’.
Foi un camiño longo e a pesar de ter referentes musicais na casa e non ser allea a este mundo, foron meses de traballo e ensaios así como numerosas audicións, algunhas en liña e outras presenciais, pasando por diferentes cribas con miles de aspirantes de toda España, ata chegar aquí.
A cita será este sábado 6 de xuño ás 22 horas en Antena 3, onde Lúa López Vilela cantará no escenario para catro coach de luxo (Antonio Orozco, Luis Fonsi, Edurne e Ana Mena) que escoitarán de costas, sen vela, e decidirán se vale ou non pulsando un botón e xirando o sillón. “Se un ou máis dun xira, Lúa pasará á seguinte fase”, explica emocionado o seu pai, membro do grupo Mrs. Fine, avanzando que xa levan catro programas e o deste sábado será o quinto e emitirase en horario de máxima audiencia.