DeportesFútbol salaÚltima hora

A barquense Vera Rodríguez, novamente convocada pola Selección Galega Sub16 de fútbol sala feminino

 

Vera Rodríguez González continúa o seu progreso deportivo, consolidándose como unha das xoves promesas do fútbol sala feminino galego. A xogadora barquense, actualmente no Ourense Ontime, foi novamente convocada pola Selección Galega Sub16, un logro que confirma a súa traxectoria ascendente e o nivel competitivo que vén demostrando nos últimos anos.

Con esta convocatoria, Vera suma o seu terceiro ano consecutivo defendendo a camiseta de Galicia, o que pon en valor o seu “compromiso, sacrificio e constancia dentro e fóra da pista”, cunha “evolución técnica e madurez deportiva” determinantes para que o corpo técnico volva confiar nela para o combinado autonómico.

 

 

A xogadora afronta esta convocatoria coa chegada a unha nova categoría con Jairo Campo como adestrador da Selección Galega Sub16, con quen comezará nos próximos días o ciclo de adestramentos preparatorios. Comeza así unha nova e renovada fase para o equipo, na que Vera volverá ser unha das xogadoras destacadas.

Esta nova etapa coa selección galega non só representa un recoñecemento persoal para a xove deportista valdeorresa, senón tamén “un exemplo do enorme esforzo que realiza no mundo do fútbol sala, onde a súa disciplina, intensidade e talento seguen marcando diferenzas”, asegura o seu pai, destacando que encara esta nova convocatoria “coa ilusión intacta e co obxectivo de seguir crecendo, competindo e levando a Galicia ao máis alto”.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button